Miranda ratifica ante as entidades galegas de Montevideo o compromiso da Xunta coa colectividade galega a través do nomeamento da nova delegada da Xunta en Uruguai
O secretario xeral da Emigración e Elvira Domínguez Alonso mantiveron un encontro coas e cos diversos representantes dos centros galegos en Montevideo.
Miranda volveu insistir na necesidade da integración de institucións para adaptarse á realidade social do século XXI.
O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, celebrou en Montevideo unha reunión coas entidades galegas no Uruguai, na que aproveitou para presentar oficialmente á nova delegada da Xunta neste país, Elvira Domínguez Alonso. Deste xeito, ratificou ante a colectividade galega o compromiso da Xunta cos galegos e galegas deste país a través deste nomeamento.
No encontro estiveron presentes as e os representantes da Federación de Asociacións Gallegas en Uruguay, o Centro Cultural y Recreativo “Alma Gallega”, o Centro Gallego de Montevideo, o Centro Social Bolos Valle Miñor, o Centro Cultural Hijos de Galicia, o Centro Ourensán de Montevideo, o Centro Pontevedrés Social y Deportivo, o Centro Social Bergantiños, Unión Hijos de Morgadanes e o Hogar Español.
Miranda e Elvira Domínguez analizaron as necesidades actuais da colectividade galega no país suramericano así como o labor que están a desenvolver os distintos centros galegos tanto na promoción do Xacobeo como da cultura e lingua galegas.
Durante a reunión, Antonio Rodríguez Miranda aproveitou para continuar a solicitar ás entidades a que abran un período de reflexión sobre como avanzar na necesaria integración de institucións para adaptarse á realidade social do século XXI.
Novas relacionadas