Miranda transmite ao presidente do Centro Santiago Apóstol de Liechtenstein o seu compromiso cos galegos e as galegas do país

O secretario xeral da Emigración mantivo un encontro con Manuel Figueroa, quen dirixe a entidade desde hai preto de vinte anos .

O Centro Español Santiago Apóstol está integrado na súa inmensa maioría por cidadás e cidadáns galegos, máis de 300, que na súa práctica totalidade proceden da Costa da Morte.

Miranda e Figueroa, no despacho do secretario xeral da Emigración na capital de Galicia
Miranda e Figueroa, no despacho do secretario xeral da Emigración na capital de Galicia
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 21 de agosto de 2018.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, transmitiu o seu apoio aos galegos e galegas residentes en Liechtenstein, unha das colonias que máis persoas orixinarias da Costa da Morte concentra en Europa. Fíxoo a través do presidente do Centro Español Santiago Apóstol, Manuel Figueroa, quen o dirixe desde hai preto de vinte anos e con quen mantivo un encontro na sede do departamento da Xunta de Galicia na capital galega.

O responsable autonómico trasladou ao representante da entidade o apoio do Goberno galego ás actividades culturais e sociais que organiza no país europeo, que logo de dúas décadas de celebración se teñen convertido nun referente galego de Centroeuropa, tanto pola súa popularidade (atraen mesmo a cidadás e cidadáns galegos residentes en países veciños, como Alemaña ou Austria) como pola importancia que ten entre a comunidade galega residente no Principado, que supera as 300 persoas. 

Unha inmensa maioría galega
O Centro Español Santiago Apóstol posúe preto de 400 persoas asociadas, das que a inmensa maioría son galegas e, destas, a práctica totalidade proceden dos concellos da Costa da Morte, incluíndo as terras carnotás, xalleiras e de Ordes. O propio Manuel Figueroa, orixinario de Muxía, e gran parte da xunta directiva da entidade son exemplos desta peculiaridade do centro, que organiza con regularidade conferencias e outras actividades enfocadas á comunidade galega nun Principado no que o 34 % da súa poboación procede do estranxeiro.

2292 lecturas