Miranda salienta durante o 40 aniversario do Centro Español Santiago Apóstol de Liechtenstein “o seu fiel compromiso a favor da cultura e o patrimonio galego”

O secretario xeral da Emigración asiste aos actos programados pola entidade destacando que “a Galicia que está agardando por vós é unha Galicia forte, lista e desexosa de aceptar toda a experiencia, a sabedoría e o coñecemento que levades convosco”.

Trátase da primeira viaxe oficial do representante do Goberno autonómico a un país que conta cunha das máis destacadas colonias de Europa con orixinarias e orixinarios da Costa da Morte.

  • O secretario xeral da Emigración asistiu á celebración do 40º aniversario do Centro Español Santiago Apóstol de Liechtenstein
    O secretario xeral da Emigración asistiu á celebración do 40º aniversario do Centro Español Santiago Apóstol de Liechtenstein
  • O secretario xeral da Emigración asistiu á celebración do 40º aniversario do Centro Español Santiago Apóstol de Liechtenstein
    O secretario xeral da Emigración asistiu á celebración do 40º aniversario do Centro Español Santiago Apóstol de Liechtenstein
Listen to this page using ReadSpeaker
Liechtenstein, 17 de novembro de 2019.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, desprazouse ata Liechtenstein con motivo da celebración do 40 aniversario do Centro Español Santiago Apóstol, onde destacou “o seu fiel compromiso a favor da cultura e o patrimonio galego” durante todos estes anos. 

Na súa primeira viaxe oficial a Liechtenstein -país que constitúe unha das colonias que máis cidadás e cidadáns orixinarios da Costa da Morte concentra en Europa- Miranda salientou a importancia desta entidade no impulso de actividades culturais e sociais, o que ten permitido que, logo de catro décadas, se teñan convertido nun referente galego en Centroeuropa, tanto pola súa popularidade (atraen mesmo a galegas e galegos residentes en países veciños, como Alemaña ou Austria) como pola importancia que ten entre a comunidade galega residente no Principado, que supera as 300 persoas.
 
“Galicia espéravos. A Galicia que está agardando por vós é unha Galicia forte, lista e desexosa de aceptar toda a experiencia, o saber e o coñecemento que levades convosco”, subliñou Miranda, quen tamén recordou o “o seu compromiso en prol dos galegos do exterior”  coa entrega dunha placa conmemorativa que reflicte o “longo camiño percorrido” por este Centro.  

Trala celebración do acto oficial do 40 aniversario, tiveron lugar as actuacións musicais, entre as que destacou a de A Roda. Preto dun milleiro de persoas puideron desfrutar en directo dun clásico da música tradicional galega. 

Preto de 400 socias e socios 
A entidade, da que é presidente Manuel Figueroa, posúe preto de 400 persoas asociadas, das que a inmensa maioría son galegas e, destas, a práctica totalidade proceden dos concellos da Costa da Morte, incluíndo as terras carnotás, xalleiras e de Ordes. O propio Manuel Figueroa, orixinario de Muxía, e gran parte da xunta directiva da entidade son exemplos desta peculiaridade do centro, que organiza con regularidade conferencias e outras actividades enfocadas á comunidade galega nun Principado no que o 34 % da súa poboación procede do estranxeiro e que mantén a súa actividade e contacto permanente no tempo con Galicia.

2087 lecturas