Miranda solicita que se manteña o compromiso das entidades galegas para manter a rede de alerta social á colectividade na Arxentina durante a pandemia

O secretario xeral da Emigración mantivo hoxe unha reunión por videoconferencia cos centros e irmandades galegas do país americano na que recordou que aínda está aberto o prazo das Axudas de emerxencia social. 

Imaxe do encontro telemático celebrado hoxe
Imaxe do encontro telemático celebrado hoxe
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 5 de novembro de 2021.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, mantivo nas últimas horas unha reunión por videoconferencia coas entidades galegas da Arxentina e o delegado da Xunta neste país, Alejandro López Dobarro, co obxectivo de coñecer a situación da colectividade galega.

Nesta xornada estivo tamén presente a subdirectora de Relacións coas Comunidades Galegas, Isabel Martínez Pellicer. Ao encontro telemático asistiron as presidentas e presidentes dos centros galegos de Rafaela, de La Plata, de Santa Fe, de Socorros Mutuos Cultural y Deportivo de Comodoro Rivadavia, e de Mar del Plata, así como a Asociación de Río Gallegos, a Mutual Social Cultural y Recreativa de Rosario e a Casa de Galicia de Córdoba.

O obxectivo da reunión foi, por unha banda, coñecer a situación dos galegos e galegas residentes na Arxentina ante a situación da actual pandemia da covid-19. Neste senso, o secretario xeral solicitou ás entidades galegas manter o compromiso para manter a rede de alerta social coa colectividade galega, en especial, con aquelas e aqueles membros da colectividade que se atopan nunha situación máis delicada, xa sexa por cuestións económicas ou de idade.

“Entre todos conseguimos manter a rede que facilita o apoio e a axuda aos galegos que así o precisan neste delicado momento que estamos a atravesar dende fai xa dous anos”, engadiu Miranda, quen lle trasladou a total colaboración da administración autonómica para seguir apoiando as accións sociais e o labor de seguimento e coidado das persoas maiores ás diferentes entidades galegas da Arxentina.

Neste senso, o secretario xeral da Emigración recordou que segue aberta, ata o próximo 15 deste mes, a liña de Axudas de emerxencia social, que ten como obxectivo apoiar economicamente a quen carece dos recursos económicos necesarios para atender problemas sobrevidos de carácter extraordinario, xa sexan sociais, sanitarios ou asistenciais, e que este ano aumentou ata chegar a un orzamento de 500.000 euros ante a situación da pandemia.

614 lecturas