Miranda viaxa a Venezuela para trasladar o apoio da Xunta aos galegos e galegas residentes neste país e coñecer a súa situación tralos anos de pandemia

O secretario xeral da Emigración visitará a Hermandad Gallega de Venezuela e manterá un encontro cos representantes das entidades galegas do país así como coas autoridades españolas no país caribeño.

Na foto de arquivo, o secretario xeral da Emigración durante a súa visita ao Centro de día da Hermandad Gallega de Venezuela en Caracas
Na foto de arquivo, o secretario xeral da Emigración durante a súa visita ao Centro de día da Hermandad Gallega de Venezuela en Caracas
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 14 de marzo de 2022.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, inicia mañá, 15 de marzo, unha visita a Venezuela para achegarse aos galegos e galegas residentes neste país e aos centros que traballan a prol desta colectividade e coñecer así, en persoa, a súa situación despois de dous anos de pandemia.

Miranda visitará ao longo dos próximos días a Oficina de atención social e o Centro de día da Hermandad Gallega de Venezuela, e manterá un encontro en Caracas cos representantes das entidades galegas do país caribeño.        

Tamén manterá varios encontros con autoridades españolas no país para  trasladarlles o interese da Administración autonómica en seguir a colaborar para axudar á colectividade galega, especialmente, a aquelas e aqueles que están a pasar problemas sociais a causa da pandemia e da situación económica do país.

Finalmente, o secretario xeral da Emigración participará nunha charla na Hermandad Gallega de Venezuela, trasladando aos seus socios e socias as diferentes liñas que mantén aberta a Secretaría Xeral da Emigración tanto para o apoio social aos galegos e galegas do exterior como para facilitar o retorno a quen desexe volver a Galicia para emprender e comezar unha nova vida.

631 lecturas