Miranda remata a súa viaxe a Brasil cun novo acordo en materia social que “quere devolver aos nosos maiores unha pequena parte de todo o que fixeron por Galicia”

O secretario xeral da Emigración gaba en São Paulo “o esforzo e sacrificio exemplares daqueles que nunca esqueceron a súa terra, e sementaron a unidade e solidariedade na sociedade de acollida”.

  • O secretario xeral da Emigración asinou un acordo de colaboración en materia social coa ‘Sociedade Beneficente Rosalía de Castro’ de Sâo Paulo
    O secretario xeral da Emigración asinou un acordo de colaboración en materia social coa ‘Sociedade Beneficente Rosalía de Castro’ de Sâo Paulo
  • O secretario xeral da Emigración asinou un acordo de colaboración en materia social coa ‘Sociedade Beneficente Rosalía de Castro’ de Sâo Paulo
    O secretario xeral da Emigración asinou un acordo de colaboración en materia social coa ‘Sociedade Beneficente Rosalía de Castro’ de Sâo Paulo
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 12 de maio de 2017.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, remata hoxe a súa nova viaxe a América na cidade brasileira de São Paulo, onde asina un acordo de colaboración en materia social coa ‘Sociedade Beneficente Rosalía de Castro’ de Sâo Paulo, que posúe un centro de asistencia social, sen fins de lucro, inaugurado hai 34 anos co obxectivo de promover o apoio da e do adulto maior a través da súa atención integral con carácter de servizos preventivo, de saúde e asistencial.

Segundo se recolle no acordo, dotado con 12.000 euros, a Sociedade comprométese a prestar atención social individualizada, a través da figura dun traballador social, que exercerá as funcións de coordinador do servizo; atención alimenticia, a través de comedor subvencionado, axustándose ás necesidades dietéticas persoais, en coordinación co médico xeriatra e o nutricionista; atención á saúde, a través dun servizo médico situado nas instalacións do centro; atención integral, que incluirá a rehabilitación e estimulación física, cognitiva e relacional, charlas e conferencias sobre a saúde na persoa maior, servizo de dinámicas socioculturais, e xornadas médicas preventivas.

Os destinatarios e destinatarias destes programas serán as persoas maiores de orixe galega ou descendentes destes, ata o segundo grao de consanguinidade, con nacionalidade española e residentes en  São Paulo (Brasil), que por razóns de idade, estado físico ou situación de carencia, teñan problemas de autonomía persoal.

Recoñecemento e aplauso
Trala sinatura, Miranda lembrou que, con este tipo de acordos, a Galicia territorial e o seu Goberno “quere devolver aos nosos maiores unha pequena parte de todo o que no seu momento fixeron” pola súa terra. Lembrou o secretario xeral da Emigración que, hai décadas, “moitas e moitos paisanos puxeron rumbo a América para garantir un mellor futuro para os seus, pero seguiron levando a terra no corazón e enviando importantísimas achegas para o desenvolvemento de Galicia.”

Tamén gabou Miranda o carácter pioneiro das sociedades mutuais e de beneficencia fundadas por galegas e galegos en moitos países americanos e que, aínda hoxe, son institucións de referencia en materia social: “O esforzo e sacrificio exemplares daqueles que nunca esqueceron a súa terra, e sementaron a unidade e solidariedade na sociedade de acollida, son un exemplo para as xeracións futuras que merece o noso recoñecemento e aplauso”, afirmou o alto cargo da Xunta.

1122 lecturas