Miranda compromete coa Sociedade Beneficente Rosalía de Castro de São Paulo un acordo de colaboración por 15.000 euros para a atención sociosanitaria a galegas e galegos residentes no Brasil
O secretario xeral da Emigración mantivo hoxe unha videoconferencia co presidente esta entidade, Arturo Chao Maceiras.
O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda mantivo nas últimas horas unha reunión por videoconferencia co presidente da Sociedade Beneficente Rosalía de Castro de São Paulo, Arturo Chao Maceiras, a quen se lle trasladou o compromiso dun acordo de colaboración por 15.000 euros para a atención sociosanitaria das galegas e galegos residentes nesta cidade brasileira.
Na cidade de São Paulo reside unha importante colonia de persoas de orixe galega, case 43.000 persoas nadas na comunidade autónoma ou descendente de galegas e galegos. De feito, Brasil é o segundo país, tras Arxentina, con maior número de cidadás e cidadáns galegos residentes na actualidade.
Durante o encontro dixital, analizouse tamén a situación actual da institución. Neste senso, Arturo Chao, informoulle a Rodríguez Miranda de que a entidade tivo que cambiar a forma de realizar as actividades de atención aos usuarios e usuarias ante a situación da covid-19. Deste xeito, tívose que realizar esta atención no caso dalgunhas e dalgúns usuarios directamente no fogar e realizar as terapias ocupacionais de xeito telemático. A maiores, tamén informou o presidente da Sociedade de que todas e todos os usuarios da mesma, case uns 60, foron xa vacinados da primeira dose, tendo a segunda xa o 30% das e dos mesmos.
A Sociedade Beneficiente Rosalía de Castro de São Paulo é unha entidade sen ánimo de lucro, que posúe un centro de asistencia social inaugurado en febreiro de 1983, co obxectivo de promover o apoio socio asistencial da persoa adulta maior a través da súa integración con carácter de servizos preventivos, de saúde e asistencial.
Esta entidade asumiu como unha das súas actividades primordiais a prestación de atención social á colectividade de emigrantes galegas e galegos e as e os seus descendentes residentes en São Paulo e municipios limítrofes.
A Secretaría Xeral da Emigración leva anos colaborando con este fogar, xa que considera necesario contribuír á prestación de asistencia á colectividade galega residente en Brasil e que estean a pasar dificultades vitais, “especialmente no caso dos máis maiores, un colectivo xa de por si vulnerable e que nesta pandemia está a ser o máis afectado”, explicou Rodríguez Miranda.
“O noso interese radica na pretensión de mellorar a súa saúde, o seu benestar social e a súa calidade de vida. Somos conscientes da necesidade que presentan a maiores este tipo de institucións pola situación vivida polo virus da covid-19 obriga a este tipo de entidades a levar a cabo diferentes accións de prevención, o que supuxo, evidentemente, un importante desembolso en adquisición de material”, engadiu o secretario xeral.
Novas relacionadas