Miranda renova o acordo co Centro Galego de Mar del Plata para atención de necesidades socioasistenciais básicas a maiores galegas e galegos da zona

O goberno de Bos Aires comunicou oficialmente ante máis de cen representantes da colectividade galega a data do 11 de outubro para a segunda edición do ‘Bos Aires celebra Galicia’.

Miranda e Avruj (segundo e terceiro pola esquerda respectivamente) onte en Bos Aires
Miranda e Avruj (segundo e terceiro pola esquerda respectivamente) onte en Bos Aires
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 27 de marzo de 2015.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, asinou un convenio de colaboración co Centro Galego de Mar del Plata para contribuír á atención das necesidades socioasistenciais básicas das e dos cidadáns galegos residentes na Arxentina.

En virtude do acordo, dotado con vinte e cinco mil euros, o Centro comprométese a promover o benestar integral das e dos maiores e das súas familias, favorecendo a súa integración, participación e relación co medio social.

Para a consecución destes obxectivos desenvolverá actividades de carácter promocional, de estimulación e prevención, e ofertará atención social individualizada, a través da figura dun traballador social, que exercerá as funcións de coordinador do servizo; atención alimenticia, axustándose ás necesidades dietéticas persoais, en coordinación co médico xeriatra e o nutricionista; atención á saúde, a través dun servizo médico situado nas instalacións do centro; e atención integral, que incluirá a rehabilitación e estimulación física, cognitiva e relacional, charlas e conferencias sobre a saúde na ou no maior, servizo de dinámicas socioculturais, e xornadas médicas preventivas.

Os destinatarios e destinatarias destes programas serán as persoas maiores de orixe galega ou descendentes destes ata o segundo grao de consanguinidade, con nacionalidade española e residentes en Mar del Plata e municipalidades limítrofes, que pola súa idade, estado físico e situación de carencia, teñan problemas de autonomía persoal. O Centro Galego desta cidade arxentina comprométese asemade a dotar ao seu centro de día do equipamento e persoal especializado necesarios para prestar os servizos obxecto do convenio, e informar periodicamente á Secretaría Xeral da Emigración sobre os resultados desta iniciativa.

O Centro
O Centro Galego de Mar del Plata créase en 1952, pero a data máis relevante da súa historia é o ano 1966, cando se crea a Mutual, que produce un incremento moi notable do número de socios e socias. No ano 1977 adquire en propiedade os locais da rúa Moreno, destinados aos servizos sanitarios. Por efecto deste e outros investimentos sociais, culturais e lúdicos, o Centro logra que as e os fillos arxentinos dos galegos e galegas sigan vinculados ao centro nas décadas sucesivas, continuando a obra dos seus pais e nais.

No ano 1991, ve a luz o amplo parque deportivo e de recreo da entidade, cun destacable edificio social. No ano 2004 inaugúrase o primeiro Centro de Día para maiores da cidade, con capacidade para 50 persoas, que se fai posible grazas á axuda prestada pola Xunta de Galicia. Este centro, ademais de actividades sociais e culturais, leva a cabo un gran traballo asistencial atendendo as necesidades básicas da poboación galega residente na zona. No Centro tamén informan e tramitan as solicitudes de axudas asistenciais dos galegos e galegas residentes nesta cidade e doutras limítrofes, e son unha das entidades fóra da Capital Federal con maior cantidade de trámites realizados en beneficio dos galegos residentes na Arxentina.

‘Bos Aires celebra’
Rodríguez Miranda entrevistouse asemade co subsecretario de Dereitos Humanos e Pluralismo Cultural do Goberno da Cidade Autónoma de Bos Aires, Claudio Avruj, e mailo director de Colectividades, Julio Crocci, nunha xuntanza na que tamén estivo presente o delegado da Xunta en Bos Aires, Alejandro López Dobarro.

Avruj tivo despois a oportunidade de confirmar, ante máis de cen representantes das comunidades galegas, o domingo 11 de outubro como data da segunda edición do ‘Bos Aires celebra Galicia’. Esta segunda edición ten lugar tras comprobaren as autoridades locais porteñas o importante éxito da primeira cita. De feito, o subsecretario de Dereitos Humanos e Pluralismo Cultural porteño felicitou á colectividade galega polo éxito da primeira edición.

Daquela, o pasado mes de setembro, máis de mil persoas involucradas directamente na organización, e na contorna das e dos cen mil participantes malia o adverso das condicións climatolóxicas, fixeron que Galicia, a súa actualidade e modernidade, e o Camiño de Santiago, se convertesen en epicentros social e cultural da capital arxentina, con múltiplas actividades sociais e culturais, relacionadas con Galicia e desenvolvidas polas comunidades galegas na Arxentina, que encheron a Praza e Avenida de Maio, e rúas adxacentes.

Mañá, Caracas
O máximo responsable do departamento autonómico de Emigración viaxa mañá ata Caracas, para renovar convenios de colaboración con entidades locais que axuden a garantir a calidade de vida das e dos galegos residentes en Venezuela, así como achegarse a coñecer in situ a situación da colectividade galega na República Bolivariana.

1057 lecturas