Miranda recibe a José Carlos Taboada, representante en Galicia da Unión Mexicana de Empresarios Gallegos
O secretario xeral da Emigración analizou durante o encontro as liñas de colaboración con esta asociación para favorecer o retorno de México a Galicia, en especial no eido emprendedor.
O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, recibiu hoxe a José Carlos Taboada, representante en Galicia da Unión Mexicana de Empresarios Gallegos (Umegal), con quen analizou a situación que está a vivir a colectividade de emprendedoras e emprendedores galegos no país azteca.
Durante a reunión tratáronse as liñas de colaboración para favorecer o retorno dende México a Galicia, en particular, no eido empresarial e emprendedor.
As empresarias e empresarios galegos en México son un colectivo moi activo e que contan con varios sectores especialmente afectados pola pandemia da covid-19, como pode ser o turístico. Esta situación, así como o estado da propia colectividade galega no país americano, centrou o análise de ambos durante o seu encontro.
Umegal é unha asociación de empresarias e empresarios galegos radicados en México fundada en 2007 na Cidade de México. O seu obxectivo é mellorar o benestar da sociedade a través da actuación empresarial, así como fomentar as relacións económicas entre os Estados Unidos Mexicanos e o Goberno de Galicia.
Novas relacionadas