Miranda recibe ao presidente da Federación de Centros Españoles en Venezuela para facer balance da situación dos galegos e galegas no país

O secretario xeral da Emigración analizou con Roberto González Pérez as liñas de apoio ao retorno nas que traballa a Xunta de Galicia de cara a dalas a coñecer aínda máis entre a cidadanía galega do país caribeño. 

Antonio Rodríguez Miranda e Roberto González Pérez, no despacho do secretario xeral da Emigración na capital de Galicia
Antonio Rodríguez Miranda e Roberto González Pérez, no despacho do secretario xeral da Emigración na capital de Galicia
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 28 de decembro de 2021.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, mantivo esta mañá unha reunión con Roberto González Pérez, presidente da Federación de Centros Españoles de Venezuela, co obxectivo de coñecer a situación do colectivo galego neste país, tanto polas necesidades sanitarias que poidan ter como pola complicada situación económica que se está a vivir.   

González Pérez, que durante anos foi o máximo responsable da Hermandad Gallega de Carcas, visitou fai un ano ao secretario para analizar presencialmente estas circunstancias. Neste senso, trasladoulle ao secretario xeral  que continúa a ser moi positiva a creación dun seguro sanitario, con condicións especiais como colectivo, xestionado directamente pola Federación de Centros Españoles en Venezuela, xa que segue a favorecer que os españois e españolas poidan abaratar os custos sanitarios e de seguros, algo esencial, en especial, no caso das persoas máis maiores.

Rodríguez Miranda volveu a ofrecer a total colaboración da Xunta de Galicia e da Secretaría Xeral da Emigración aos galegos e galegas residentes en Venezuela, a través dos propios centros galegos existentes no país e que forman parte da FCEV. Tamén analizou con González Pérez as liñas de apoio ao retorno nas que traballa o departamento autonómico de cara a dalas a coñecer aínda máis entre a cidadanía galega do país caribeño.

En Venezuela residen actualmente un total de 32.310 habitantes de orixe galega, segundo os datos do Padrón de Españois Residentes no Estranxeiro (PERE) publicados a data 1 de xaneiro de 2021 polo Instituto Galego de Estatística (IGE).

444 lecturas