Miranda recibe ao presidente da Federación de Centros Españoles en Venezuela

O secretario xeral da Emigración analizou con Roberto González Pérez a situación das galegas e galegos residentes neste país en especial en relación á actual pandemia da covid-19 e ás súas necesidades sanitarias. 

  • Imaxe da reunión celebrada na sede da Secretaría Xeral da Emigración en Santiago de Compostela
    Imaxe da reunión celebrada na sede da Secretaría Xeral da Emigración en Santiago de Compostela
  • Imaxe da reunión celebrada na sede da Secretaría Xeral da Emigración en Santiago de Compostela
    Imaxe da reunión celebrada na sede da Secretaría Xeral da Emigración en Santiago de Compostela
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 14 de xaneiro de 2021.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, mantivo esta mañá unha reunión con Roberto González Pérez, presidente da Federación de Centros Españoles de Venezuela, co obxectivo de analizar a situación actual das galegas e galegos residentes e das entidades neste país en especial en relación á actual pandemia da covid-19 e ás súas necesidades sanitarias.

Ambos estudaron a complicada situación na que se atopa a colectividade galega nun país con graves carencias económicas ás que se vén unir o problema sanitario. Neste senso, González Pérez trasladoulle ao secretario xeral a evolución positiva da posta en marcha dun seguro sanitario xestionado directamente pola Federación de Centros Españoles en Venezuela. Este seguro, con condicións especiais como colectivo, está a ter moi boa aceptación entre a comunidade galega, xa que se trata dun mecanismo favorecedor para que a xente poida abaratar os custos sanitarios e de seguros, algo esencial, en especial, no caso das persoas máis maiores.

Rodríguez Miranda volveu a ofrecer a total colaboración da Xunta de Galicia e da Secretaría Xeral da Emigración aos galegos e galegas residentes en Venezuela, a través dos propios centros galegos existentes no país e que forman parte da FCEV.  O secretario xeral agradeceu neste senso o labor do propio presidente da Federación, de orixe galega, e que foi o máximo responsable durante varios anos da Hermandad Gallega de Caracas, continuando o seu labor na mesma sendo vicetesoureiro da xunta directiva. 

En Venezuela residen actualmente un total de 33.278 habitantes de orixe galega, segundo os datos do Padrón de Españoles Residentes en el Extranjero (PERE) publicados a data 1 de xaneiro de 2020 polo Instituto Nacional de Estadística (INE).

En imaxes
445 lecturas