Miranda recibe ao presidente de FECEVE destacando a importancia da colaboración coas entidades galegas para os galegos e galegas residentes en Venezuela

O secretario xeral da Emigración trasladou a Roberto González Pérez a satisfacción do departamento autonómico polo labor que as entidades están a desenvolver en prol das e dos galegos con menos recursos neste país, sobre todo en materia socioasistencial.

Tamén analizaron a nova Estratexia Galicia Retorna que acaba de aprobar a Xunta de Galicia para apoiar aos galegos e galegas que desexan regresar á comunidade autónoma.  

O secretario xeral da Emigración e o presidente de FECEVE, durante a reunión celebrada na sede da SXE na capital de Galicia
O secretario xeral da Emigración e o presidente de FECEVE, durante a reunión celebrada na sede da SXE na capital de Galicia
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 16 de xaneiro de 2023.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, mantivo unha reunión con Roberto González Pérez, presidente da Federación de Centros Españoles de Venezuela, co obxectivo de coñecer a situación do colectivo español neste país, e reafirmar así a colaboración coas entidades galegas  dada a importancia que ten para as e os españois, e, en especial os galegos e galegas, residentes neste país.

De feito, Rodríguez Miranda volveu ofrecer a total colaboración da Xunta de Galicia e da Secretaría Xeral da Emigración ás e aos galegos residentes en Venezuela, a través dos propios centros galegos existentes no país e que forman parte da FECEVE. 

En total, en 2022, a Xunta de Galicia apoio con case 560.000 euros ás diferentes entidades galegas no país, tanto para colaborar no mantemento e equipamento dos centros galegos, como para apoiar ás entidades sociosasistenciais que axudan aos galegos e galegas con menos recursos ou que carecen de apoio familiar, a gran maioría delas e deles, de avanzada idade. 

O secretario xeral aproveitou a reunión con González Pérez para trasladarlle as novas liñas de apoio ao retorno que conforman a recentemente aprobada Estratexia Galicia Retorna 23-26, e coas que traballa o departamento autonómico de cara a dalas a coñecer aínda máis entre a cidadanía galega do país suramericano.

En Venezuela residen actualmente un total de 31.336 habitantes de orixe galega, segundo os datos do Padrón de Españois Residentes no Estranxeiro (PERE) publicados a data 1 de xaneiro de 2023 polo Instituto Galego de Estatística (IGE).

277 lecturas