Miranda pide ás galegas e galegos da Arxentina e O Uruguai colaboración para tecer xuntos unha rede de solidariedade para detectar os casos de necesidade que poida deixar o coronavirus

O secretario xeral da Emigración celebrou unha videoconferencia con representantes destes países andinos, dous dos de maior tradición receptora da emigración galega.

A Delegación da Xunta en Bos Aires, encabezada por Alejandro Lopez Dobarro, está a intensificar o contacto coas persoas de orixe galega e coas entidades como centros de referencia.

  • Imaxe da videoconferencia do secretario xeral da Emigración cos e coas representantes das entidades galegas na Arxentina e Uruguai
    Imaxe da videoconferencia do secretario xeral da Emigración cos e coas representantes das entidades galegas na Arxentina e Uruguai
  • Imaxe da videoconferencia do secretario xeral da Emigración cos e coas representantes das entidades galegas na Arxentina e Uruguai
    Imaxe da videoconferencia do secretario xeral da Emigración cos e coas representantes das entidades galegas na Arxentina e Uruguai
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 23 de abril de 2020.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, vén de pedir aos galegos e galegas da Arxentina e O Uruguai a súa colaboración para tecer xuntos unha rede de solidariedade que permita ao Goberno galego, a través da Delegación da Xunta en Bos Aires, detectar os casos de necesidade que se vaian producir no futuro a causa do coronavirus. O titular do departamento autonómico animou ás e aos galegos de ámbolos dous países andinos a “converterse nos ollos de Galicia nun momento no que todos temos que facer un esforzo extra de xenerosidade para dar o mellor de nós”. “Aínda non sabemos que consecuencias vai ter a pandemia, e necesitamos da vosa axuda para chegar a todos os galegos que poidan verse máis afectados e necesitarnos agora máis ca nunca”, engadiu.

Miranda, quen mantivo un encontro telemático con representantes da colectividade ás dúas marxes do Río da Prata, lanzou unha mensaxe de tranquilidade ás galegas e galegos repartidos por 146 países do mundo, a quen asegurou que o Executivo galego está sempre “atento á súa situación, pero con máis intensidade aínda se cabe nestes intres tan complexos e excepcionais”. Para logralo convértese nun instrumento fundamental o traballo que desenvolve de xeito cotiá a Delegación da Xunta na Arxentina e O Uruguai, ao fronte das cales está Alejandro López Dobarro, que nestes momentos está a intensificar o seu trato directo coas persoas de orixe galega e coas entidades como centros de referencia. O secretario xeral da Emigración advertiu, ademais, que ninguén debe baixar a garda ante unha pandemia que está a afectar de xeito diferente e escalonadamente a practicamente todos os países do mundo.

O titular do departamento galego celebrou unha videoconferencia con representantes do Patronato da Cultura Galega, o Centro Gallego de Montevideo, a Casa de Galicia, o Hogar Español de Montevideo, o Centro Cultural y Recreativo Hijos de Galicia, o Centro Social Cultural Bergantiños, o Centro Pontevedrés Social e Deportivo de Montevideo, o Centro Ourensán de Montevideo, o Centro Social Cultural e Deportivo de Bolos Valle Miñor, e o Centro Cultural y Recreativo Alma Gallega, do Uruguai. As galegas e galegos da Arxentina, pola súa banda, estiveron representados pola Asociación Civil Hijos del Ayuntamiento de Zas, o Centro Arzuano Mellidense, o Centro Galicia de Buenos Aires, Cultural, Social e Deportivo, Centro Gallego de La Plata, Centro Lalín, Agolada y Silleda de Galicia en Buenos Aires, a Sociedad Parroquial de Vedra de Mutualidad y Cultura, Centro Gallego de Mar del Plata, Centro Gallego Asociación Mutual Social, Cultural y Recreativa de Rosario e a Casa de Galicia en Puerto Madryn.  

Máis de 220.000 cidadás e cidadáns galegos no Río da Prata
Estas xuntanzas virtuais complementan a nova rolda de contactos telemáticos que o secretario Xeral da Emigración vén mantendo cos galegos e galegas dos principais países de América e Europa cunha maior presenza galega, como Brasil, Suíza, Alemaña, Venezuela, Francia, Reino Unido, e así ata máis dunha decena. A elevada cantidade de entidades e poboación galega que acubilla A Arxentina levou ao departamento autonómico a distribuílos en varios grupos para poder chegar ao maior número posible de cidadás e cidadáns afectados pola crise orixinada pola COVID-19. O resto de videoconferencias celebraranse nos vindeiros días.

O Río da Prata, congrega máis de 220.000 galegas e galegos, preto do 40% do total que vive fóra das nosas fronteiras. Deles, 180.908 residen na Arxentina, o país do mundo cunha maior presenza galega, e 41.162 no Uruguai, que ocupa o cuarto lugar só por detrás do Brasil e Cuba. 

1060 lecturas