Miranda achégase á complexa situación dos galegos e galegas da Arxentina, que están a vivir un dos momentos máis críticos na loita contra a covid-19

O secretario xeral da Emigración celebrou unha videoconferencia con representantes do país andino, onde residen máis de 180.000 galegas e galegos.

No encontro telemático tamén participou o delegado da Xunta en Bos Aires, Alejandro Lopez Dobarro, quen mantén un contacto permanente coa colectividade galega do Río de la Plata.

O secretario xeral da Emigración, na videoconferencia coas e cos representantes das entidades galegas na Arxentina
O secretario xeral da Emigración, na videoconferencia coas e cos representantes das entidades galegas na Arxentina
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 6 de xuño de 2020.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, achegouse a través dunha nova videoconferencia á complexa situación das e dos galegos da Arxentina, un dos países de América, xunto ao Brasil e os Estados Unidos, que está a sufrir con máis crueza a pandemia do coronavirus. A colectividade desta marxe do Río de la Plata está a padecer os efectos da escalada de contaxios e falecementos causados pola covid-19 nun momento no que a curva aínda non alcanzou o seu punto máis álxido.

A evolución do virus na Arxentina, que se aproxima á súa estación invernal, está a estender a preocupación entre a poboación galega, que ten a vista posta nos vindeiros meses. De aí que tanto o titular do departamento autonómico como o delegado da Xunta en Bos Aires, Alejandro López Dobarro, estean a manter un contacto estreito e permanente coa colectividade do país andino. Na videoconferencia participaron representantes do Centro Arzuano Mellidense, o Centro Galicia de Buenos Aires, Cultural, Social y Deportivo, o Centro Gallego de La Plata, o Centro Lalín, Agolada y Silleda de Galicia en Buenos Aires, a Sociedad Parroquial de Vedra de Mutualidad y Cultura, o Centro Gallego de Mar del Plata, a ABC del Partido de Corcubión, o Centro Gallego Asociación Mutual Social, Cultural y Recreativa de Rosario.  

Máis de 180.000 galegas e galegos no país andino
O Río de la Plata congrega máis de 220.000 cidadás e cidadáns galegos, preto do 40% do total que vive fóra das nosas fronteiras. Deles e elas, 180.908 residen na Arxentina, o país do mundo cunha maior presenza galega, e 41.162 no Uruguai, que ocupa o cuarto lugar só por detrás do Brasil e Cuba. 

794 lecturas