Miranda pide a colaboración dos centros galegos de Panamá, Costa Rica, México e Porto Rico para tecer unha rede solidaria de axuda ás galegas e galegos afectados pola covid-19

O secretario xeral da Emigración trasladou ás e aos representantes das entidades galegas a recente apertura da liña de axudas para familias galegas do exterior en situacións de emerxencia social urxente especialmente derivadas da covid-19.

El secretario xeral da Emigración, durante a videconferencia coas entidades galegas de Costa Rica, México, Panamá e Porto Rico
El secretario xeral da Emigración, durante a videconferencia coas entidades galegas de Costa Rica, México, Panamá e Porto Rico
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 30 de maio de 2021.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, mantivo nas últimas horas, unha reunión cos e coas responsables dos centros galegos de Costa Rica, Panamá, México e Porto Rico, co obxectivo de tecer unha rede solidaria de axuda ás galegas e galegos afectados pola covid-19.

Durante a reunión recordoulles que xa está aberta a nova liña de axudas para familias galegas do exterior en situacións de emerxencia social urxente especialmente derivadas da pandemia.

Na reunión estiveron presentes María Andrea Penabad Bustamante, presidenta de la Asociación Lar Gallego de Costa Rica; Alfonso Martínez Lorenzo, máximo responsable do Centro Gallego de México; Fernando Val, presidente da Sociedad Española La Chorrera de Panamá e Jesús Herbón Paradela, responsable do Centro Gallego de Puerto Rico.

Segundo lle trasladaron os responsables destas entidades ao secretario xeral, a situación da pandemia está a mellorar, grazas aos avances nas vacinacións, en todos estes países, a diferencia do que está a acontecer noutros territorios de América do Sur. 

Neste senso, Rodríguez Mirada trasladou aos centros galegos destes catro países a necesidade de crear unha rede solidaria que permita localizar as familias das cidadás e os cidadáns galegos residentes nestes lugares e que estean a pasar un momento difícil a causa das consecuencias da covid-19. “Non podemos esquecer que xa temos aberta a nova liña de axudas para familias galegas do exterior en situacións de emerxencia social urxente derivadas da pandemia e que pode resultar importante para estas persoas, xa que poden chegar ata os 3.000 euros”, explicou o secretario xeral.

Estas axudas, que contarán en 2021 cun crédito orzamentario de 500.000 euros, destínanse a persoas emigrantes galegas e aos seus fillos e fillas que posúan a condición de persoas galegas residentes no exterior e que, por cuestións urxentes e extraordinarias, se atopen en situacións de emerxencia social, derivadas da situación de pandemia xerada pola covid-19.

591 lecturas