Miranda intensifica o contacto permanente cos galegos e galegas de Venezuela, unha das colectividades que máis está sufrindo a pandemia do coronavirus, a través de videoconferencia

A Secretaría Xeral da Emigración recibiu este ano máis de 1.300 solicitudes deste país para as Axudas Económicas Individuais. 

O secretario xeral da Emigración, durante a videoconferencia cos representantes das entidades galegas en Venezuela
O secretario xeral da Emigración, durante a videoconferencia cos representantes das entidades galegas en Venezuela
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 27 de maio de 2020.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, mantivo unha reunión telemática cos galegos e galegas de Venezuela, unha das colectividades galegas do mundo que máis está a sufrir as consecuencias da pandemia do coronavirus, dentro da rolda de contactos permanentes que está a manter o departamento autonómico. No transcurso desta videoconferencia os representantes da poboación galega residente no exterior transmitíronlle a situación que se vive nestes intres no país suramericano, que engade ás complicacións derivadas da crise da covid-19 as que arrastraba previamente por mor da inestabilidade social que vive desde hai anos.

A xuntanza virtual tamén serviu para avaliar o funcionamento dos programas de atención social nos que colaboran estas entidades galegas coa Secretaría Xeral da Emigración, así como o das oficinas coas que contan para asesorar aos usuarios e usuarias neste ámbito.

Miranda, pola súa banda, trasladou o apoio de toda a comunidade aos galegos e galegas de Venezuela, país desde o que só este ano a Secretaría Xeral da Emigración recibiu máis de 1.300 solicitudes de Axudas Económicas Individuais, dirixidas a emigrantes en situación de necesidade. A esta xuntanza virtual asistiron responsables da Hermandad Gallega de Venezuela (Caracas), a Hermandad Gallega de Valencia, o Centro Gallego de Maracaibo, o Centro Gallego de Puerto La Cruz, a Fundación Fillos de Ourense-Fundaourense e a Federación de Centros Españoles en Venezuela.

Venezuela é un dos países de América con máis tradición histórica na acollida de emigrantes galegas e galegos no século pasado, e que, malia a perda da poboación galega que ten experimentado nos últimos anos a día de hoxe acubilla 33.278 cidadás e cidadáns galegos, o que implica que pasou só nos últimos tres anos de ser o terceiro do mundo en presenza galega a converterse no quinto.

656 lecturas