Emigración destina 45.000 euros á Fundación Fillos de Ourense (FundaOurense) de Venezuela para a atención a galegas e galegos en extrema necesidade socioeconómica neste país americano
O secretario xeral da Emigración mantivo nas últimas horas unha videoconferencia co presidente esta entidade, Francisco Álvaro Gómez García.
O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda mantivo nas últimas horas unha reunión por videoconferencia co presidente da Fundación Fillos de Ourense (FundaOurense) de Venezuela, a quen lle trasladou o compromiso dun acordo de colaboración por 45.000 euros para a atención a galegas e galegos en extrema necesidade socioeconómica neste país sudamericano.
A Fundación Fillos de Ourense é unha entidade sen ánimo de lucro, de carácter esencialmente benéfico, médico, de asistencia e protección social, radicada en Caracas pero que exerce a súa actividade en todo o territorio venezolano e que ten como obxectivos primordiais a protección á infancia, aos anciáns e anciás e a solución de problemas sociais.
Na actualidade, esta fundación está a desenvolver un importante labor social asistencial orientado á atención a persoas en situacións extremas de marxinalidade, de pobreza ou de abandono, destacando a busca a través dun grupo de voluntariado de persoas de orixe galega que poden atoparse nesa situación, tanto na rúa como en institucións públicas, hospitais ou residencias, aos que lles presta axuda alimenticia, produtos de hixiene, medicinas, roupa o simplemente compañía, no caso de anciás e anciáns con falta de protección familiar.
A Secretaría Xeral da Emigración leva anos colaborando con esta institución, xa que considera necesario contribuír á prestación de asistencia á colectividade galega residente en Venezuela e que estean a pasar dificultades vitais, “especialmente no caso dos máis maiores, un colectivo xa de por si vulnerable e que nesta pandemia está a ser o máis afectado”, explicou Rodríguez Miranda.
Novas relacionadas