Miranda retoma o contacto cos galegos e galegas de Venezuela para analizar a situación que está a vivir unha das colectividades máis afectadas pola pandemia
O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, segue a desenvolver, tralo seu recente nomeamento, unha rolda de contactos coa colectividade galega no exterior a través de diferentes videoconferencias. Neste marco, Miranda mantivo nas últimas horas unha reunión telemática cos representantes das principais entidades galegas de Venezuela, para coñecer de primeira man a súa situación.
No transcurso da videoconferencia os representantes da poboación galega residente no exterior transmitíronlle a situación que está a vivir o país suramericano, que engade ás complicacións derivadas da crise da covid-19 as que arrastraba previamente por mor da inestabilidade social que vive desde hai anos.
A xuntanza permitiu valorar e afondar no funcionamento dos programas de atención social nos que colaboran estas entidades galegas coa Secretaría Xeral da Emigración, así como o das oficinas coas que contan para asesorar aos usuarios e usuarias. Non en van, só este ano a Secretaría Xeral concedeu máis de 1.300 Axudas Económicas Individuais, dirixidas a emigrantes en situación de necesidade.
Así mesmo, Miranda aproveitou a ocasión para trasladarlles a preocupación do Goberno galego pola situación do país, que hoxe en día acubilla 33.278 cidadás e cidadáns galegos, e que pasou só nos últimos tres anos de ser o terceiro do mundo en presenza galega a converterse no quinto.
No encontro, que estivo presidido polo secretario xeral da Emigración, participaron representantes de Hermandad Gallega de Venezuela, Centro Gallego de Maracaibo, Hermandad Gallega de Valencia e Federación de Centros Españoles de Venezuela.
Novas relacionadas