Miranda destaca o papel dos galegos e as galegas do exterior no progreso da Galicia territorial, e tamén na construción do Estado mexicano

O secretario xeral participa en D.F. na celebración do Primeiro de Maio, unha das manifestacións máis importantes da Galeguidade.

Conclúe o seu periplo dunha semana por tres países latinoamericanos (Venezuela, Brasil e México) onde residen en total case cen mil galegos e galegas.

Secretaría Xeral da Emigración - Xunta de Galicia
Secretaría Xeral da Emigración - Xunta de Galicia
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 1 de maio de 2013.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, participa hoxe [mércores] na celebración do Primeiro de Maio, organizada polo Centro Gallego de México nas súas instalacións do Canal de Chalco, en Iztapalapa, nas aforas do Distrito Federal. As e os promotores prevén que á Festa acudan máis de 4.000 persoas, converténdoa así un ano máis nunha das citas sociais máis relevantes da axenda anual da Galeguidade no mundo.

Trátase dunha iniciativa xa tradicional do Centro Gallego de México, presidido por Luis Piñeiro, con máis dun século de existencia, e un dos grandes referentes da Galeguidade no mundo pola súa sostibilidade social e económica, ademais de polo seu carácter de institución formadora e solidaria entre os galegos e as galegas residentes en toda a nación azteca.

O Centro conta cunha sede central de case 4.000 metros cadrados sita nun antigo pazo de mediados do pasado século, con diversas instalacións culturais e recreativas, entre elas un salón multiusos de máis de 1.500 metros cadrados, que Miranda visitou [onte luns] antes de reunirse coa xunta directiva da institución. Pero ademais o Centro tamén é propietario doutra parcela a corenta quilómetros do centro da cidade –aínda no D.F.-, de índole máis lúdica e deportiva, con cen mil metros cadrados, onde hoxe ten lugar a Festa Campestre.

Agradecemento
No encontro coas e cos emigrantes galegos, Miranda tivo oportunidade de lles transmitir o afecto e admiración dos cidadáns e as cidadás da Galicia territorial cara a diáspora no país azteca. Non en van, en México residen unicamente o 2’5 % da cidadanía galega do Exterior, pero esta colonia é unha das máis activas e socialmente relevantes no país receptor, e entre as e os seus membros non é difícil atopar a figuras moi influentes de distintos ámbitos empresariais e profesionais.

A colectividade galega en México foi sempre exemplo, segundo o secretario xeral da Emigración, de “busca de novos horizontes. Os galegos que viñeron aquí tiveron un papel importantísimo na construción da nación mexicana, pero tamén axudaron de maneira moi relevante ao progreso da Galicia territorial”. “É xusto –engadiu Miranda- recoñecer e agradecer ese papel”.

O mandatario autonómico subliñou a recente mensaxe do Presidente Feijóo á diáspora galega no país azteca, no senso de que cada emigrante pode ser a mellor embaixada comercial da Galicia territorial, axudando ás empresas autóctonas na súa expansión por Latinoamérica, e tamén animando ás e aos investidores mexicanos a coñecer e valorar Galicia.

Miranda fixo, neste senso, un recoñecemento público ás e aos axentes que xa teñen axudado de maneira relevante a fortalecer e engrandecer as ligazóns económicas e comerciais entre Galicia e México, aos que de maneira explícita quixo agradecer o labor realizado, e solicitou a súa colaboración no presente e futuro: “En boa parte grazas a vós, como no pasado grazas a outros galegos do Exterior, sabemos que superaremos as actuais dificultades”, subliñou o secretario xeral.

Final da viaxe
Coa participación no multitudinario evento de Iztapalapa, Miranda conclúe a súa visita oficial por Venezuela, Brasil e México, onde tivo ocasión de coñecer de primeira man as principais institucións de asistencia social e sanitaria para os galegos e as galegas residentes nestes tres países, e asinar varios convenios de colaboración, en materia socio asistencial, para contribuír á mellora das condicións daquelas e daqueles con menos recursos.

O máximo mandatario autonómico en materia de Emigración tamén dou pulo aos contactos que en ambas beiras do Atlántico teñen lugar para intensificar as relacións empresariais e comerciais, no sentido expresado polo Presidente da Xunta. Finalmente, Miranda tivo ocasión, asemade, de coñecer algunhas figuras senlleiras da diáspora galega con relevantes posicións nos ámbitos académico, económico, político, social e cultural, que en moitos casos traballan arreo -e de maneira completamente altruísta- pola extensión da boa imaxe de Galicia en América.

O secretario xeral da Emigración visitou nunha semana dúas ducias de institucións vinculadas coa diáspora galega en tres nacións que agrupan a case cen mil galegos e galegas (45.000 en Venezuela, 40.000 en Brasil, e máis de 11.000 en México), o que supón preto do 21 por cento do total dos cidadáns e as cidadás da Comunidade residentes no estranxeiro.

870 lecturas