Miranda inicia unha viaxe por Venezuela, Brasil e México, para coñecer as necesidades das e dos case 110.000 galegos e galegas alí afincados

A Xunta asinará sete convenios para a mellora das condicións dos galegos e as galegas da diáspora, centrados en aspectos socio asistenciais.

A misión ten tamén por obxectivo ampliar as relacións cos galegos e as galegas con relevancia nos ámbitos académico, social e económico deses tres países.

Secretaría Xeral da Emigración - Xunta de Galicia
Secretaría Xeral da Emigración - Xunta de Galicia
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 23 de abril de 2013.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, inicia mañá mércores unha viaxe institucional por tres países con cadansúa relevante colonia galega. Así, mañá mércores e o xoves estará en Venezuela, onde residen case 45.000 galegos e galegas, un 10 por cento do total de persoas galegas residentes no estranxeiro.

Despois, desde o venres e ata o luns, o alto mandatario visitará Brasil, onde coincidirá en parte a súa axenda coa da conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, que estará no país carioca de sábado a luns. Non en van, o contido fundamental deste novo periplo da e do altos mandatarios da Xunta é fornecer a axuda que, no eido socio asistencial para persoas maiores galegas residentes en Latinoamérica, desenvolve o Goberno galego. Na República Federativa residen algo máis de 40.000 galegos e galegas, o 9’12 % do total da cidadanía residente no Exterior procedentes da Comunidade Autónoma.

Finalmente, e xa de novo en solitario, Miranda rematará esta nova viaxe en México, onde estará martes e mércores da semana que vén. O último dos seus días compartirá a celebración do Primeiro de Maio que organiza o Centro Galego de México, unhas das manifestacións colectivas da diáspora galega con maior tradición e participación. Estímase que arestora moran en México preto de 11.200 galegos e galegas, un 2’51 % do total da diáspora no Exterior.

As persoas maiores
A visita das autoridades da Xunta a estes tres países, con cadansúas especificidades, céntrase en coñecer de primeira man as necesidades das colonias galegas radicadas nas cidades con maior presenza da diáspora galega. O aspecto socio asistencial cobra especial relevancia, como o pon de manifesto que se asinarán un total de sete convenios para mellorar as condicións de vida da colonia galega, especialmente das persoas maiores en condicións máis precarias.

Así, coa finalidade de contribuír á atención das necesidades socio asistenciais básicas das cidadás e os cidadáns galegos, emigrantes directos ou en ocasión os seus descendentes, asinarase cadanseu convenio con tres sociedades brasileiras: a de Socorros Mutuos e Beneficente Rosalía de Castro de Santos, a de Recreio dos Anciâos para Asilo da Velhice Desamparada de Río de Xaneiro, e a Peña Galega da Casa de España, tamén en Río.

En Venezuela, asinaranse outros tres coa mesma finalidade, un coa Hermandad Gallega en Valencia, e dous –un da Secretaría Xeral da Emigración e outro do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar- coa Hermandad Gallega radicada en Caracas.

Un último convenio, dos asinados nesta viaxe, ten por finalidade o mantemento dunha modesta pero necesaria oficina de información e asesoramento na sede da propia Hermandad da capital venezolana, referente da diáspora galega e española.

Achega á colectividade
Ademais dos centros sociais e asistenciais asinantes dos acordos, Rodríguez Miranda terá oportunidade nesta viaxe de coñecer outras sedes, e o correspondente tecido social, de entidades con importante presenza da colonia galega. Entre elas, a Fundación España Salud en Venezuela; ou a Sociedade Hispano Brasileira de Socorros Mutuos e Instruçâo, o Centro Espanhol e Repatriaçao de Santos, a Sociedade Espanhola de Beneficencia Hospital Espanhol en Río, e o Club Español de Niteroi, en Brasil.

Ademais, conselleira e secretario xeral terán oportunidade de coñecer de primeira man as inquedanzas e necesidades da colonia galega nestes tres países, de escoitar as cuestións que lles queiran trasladar os galegos e as galegas alí residentes e as directivas das asociacións que os representan, e de saudar ás persoas galegas de idade máis avanzada que, tras unha longa vida de sacrificio, agora son obxecto da merecida solidariedade de galegas e galegos.

No seu contacto coa diáspora, Mato e Miranda trasladarán a mensaxe da necesidade de unión entre as entidades galegas do Exterior, co obxectivo de crear comunidades máis fortes e que poidan garantir no futuro as mesmas ou maiores prestacións as e aos seus asociados. Neste aspecto, as comunidades galegas nestes tres países teñen destacado entre a Galeguidade por ter iniciado este camiño hai xa algún tempo, e con recoñecido éxito.

Vertente económica
Aínda que o piar fundamental da viaxe será o fornecemento da solidariedade da Administración autonómica coa cidadanía galega do Exterior en situación máis precaria, tanto a conselleira de Traballo e Benestar, como o secretario xeral da Emigración, aproveitarán esta nova estadía en terras latinoamericanas para fortalecer a mensaxe de cooperación en ambas beiras do Atlántico.

Especialmente en Brasil e México -ambos países considerados en plena expansión económica-, o papel da colonia galega pode relevarse transcendental para levar a bo porto algúns plans de investimento na Galicia territorial por parte de empresas locais. Asemade, no caso concreto de México, boa parte do grupo de emprendedores e emprendedoras con maior éxito de mercado na nación azteca son galegos e galegas ou descendentes de cidadáns e cidadás galegas, polo que xa teñen amosado en múltiplas ocasións o seu compromiso para axudar a novos proxectos de relación bilateral.

1332 lecturas