Feijóo reunirase nos vindeiros días con Peña Nieto para seguir avanzando na internacionalización das empresas galegas e nas relacións económicas entre Galicia e México

Será o primeiro encontro institucional entre o presidente galego e o mandatario mexicano desde que este foi elixido presidente do país azteca.

Salienta que para Galicia México é o país “prioritario” de toda Iberoamérica “desde o punto de vista das nosas relacións económicas e das nosas relacións industriais”.

“Seguimos mantendo México como un aliado privilexiado”, asevera.

Feijóo na rolda de prensa do Consello da Xunta celebrado esta mañá. Foto: Ana Varela
Feijóo na rolda de prensa do Consello da Xunta celebrado esta mañá. Foto: Ana Varela
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 11 de abril de 2013.

O titular da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, reunirase nos vindeiros días co presidente dos Estados Unidos Mexicanos, Enrique Peña Nieto, para afondar e seguir avanzando na internacionalización e nas relacións económicas entre Galicia e o país azteca.

O mandatario autonómico, que viaxará acompañado do conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, manterá un encontro co presidente Peña Nieto co obxectivo, incidiu, “de seguir afondando nas relacións económicas con ese país que –dixo-, para Galicia é o país prioritario de toda Iberoamérica, desde o punto de vista das nosas relacións económicas e das nosas relacións industriais”.

“Imos seguir centrando na economía a axenda exterior do Goberno e imos seguir apostando, de forma decidida, pola internacionalización da nosa economía”, aseverou Feijóo na rolda de prensa tras o Consello da Xunta. Nesta liña enmarcou o encontro que manterá nos vindeiros días con Peña Nieto, o primeiro desde que este foi elixido presidente do país azteca, consciente sinalou, de que “seguimos mantendo México como un aliado privilexiado”.

830 lecturas