Feijóo salienta o papel das comunidades galegas como “embaixadas comerciais de primeira orde” para axudar ás e aos emprendedores da Galicia territorial na busca de novos mercados e de novos investidores e investidoras

O presidente da Xunta reuniuse este domingo coa colectividade galega de México.

Lembra que moitos e moitas dos galegos e das galegas da diáspora foron emprendedores e emprendedoras de éxito nos países de acollida e demostraron a súa disposición “a axudarnos nas estratexias que a Xunta está deseñando para axudar á protección económica de Galicia no exterior”.

Constata que nesta viaxe “non partimos de cero”, senón que se están a confirmar os avances dos últimos anos ao tempo que se están ampliando oportunidades para Galicia.

Maniféstase confiado en que México siga dando boas noticias á economía galega, como o ten feito no sector naval e no sector portuario a través dos acordos con Pemex.

Pon o acento no compromiso da Xunta cos galegos e as galegas da diáspora, manifestado con iniciativas como a Lei da galeguidade, que recolle, amplía e actualiza os criterios e sistemas de vinculación de Galicia cos e coas residentes no exterior.

  • O presidente da Xunta no encontro coa colectividade galega en México.
    O presidente da Xunta no encontro coa colectividade galega en México.
  • O presidente da Xunta no encontro coa colectividade galega en México.
    O presidente da Xunta no encontro coa colectividade galega en México.
Listen to this page using ReadSpeaker
México, 14 de abril de 2013.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe o papel das comunidades galegas como “embaixadas comerciais de primeira orde” para axudar ás e aos emprendedores da Galicia territorial na busca de novos mercados e novas e novos investidores.

Durante un encontro coa colectividade galega de México, o titular da Xunta lembrou que  moitos dos galegos e as galegas da diáspora foron persoas emprendedoras e profesionais de éxito nos países de acollida e demostraron, día a día, a súa disposición “a axudarnos nas estratexias que a Xunta está deseñando para axudar á protección económica de Galicia no exterior. Eu agradézovolo e dígovos que conto con vós”, manifestou ante os galegos e as galegas presentes no acto.

Na mesma liña, Feijóo remarcou o valor estratéxico de países como México e por iso, subliñou, “Galicia quere seguir apostando por este país”. A este respecto, lembrou que na súa viaxe ao país azteca “non partimos de cero”, senón que se están a confirmar os avances dos últimos anos, ao tempo que se están ampliando oportunidades para a economía galega. Algo, dixo, que se está a constatar a través do Goberno Federal, grazas á posibilidade que terá de reunirse mañá mesmo co presidente Peña Nieto, e tamén grazas aos encontros con tres ministros e o que manterá o martes co Gobernador de Yucatán; pero tamén, incidiu, grazas ás reunións mantidas con emprendedores e emprendedoras e ao encontro coa colectividade galega, “activo fundamental na estratexia de internacionalización de Galicia”, argumentou.

O presidente galego tamén se manifestou confiado en que México siga dando boas noticias á economía galega, como o ten feito no sector naval e no sector portuario a través dos acordos con Pemex.

Quixo agradecer especialmente á Unión Mexicana de Empresarios galegos o seu compromiso “constante, eficaz e solidario” coa internacionalización das empresas galegas, coa proxección exterior da nosa economía e co seu traballo constante de pór en valor a marca Galicia; e tamén o traballo constante de todos aqueles galegos e galegas que, co seu traballo individual, contribúen a desenvolver as relacións económicas e produtivas de Galicia en México.

Lei de Galeguidade
Na súa intervención, Feijóo puxo o acento no compromiso da Xunta cos galegos e as galegas que residen fóra da Galicia territorial. Un compromiso, afirmou, que se mantén e se verá reforzado. Así, avanzou a próxima visita que o secretario xeral da Emigración realizará á colectividade galega de México e lembrou a presentación, esta semana no Parlamento, da Lei da Galeguidade, que recolle, amplía e actualiza os criterios e sistemas de vinculación de Galicia con todos os seus fillos e fillas residentes no exterior.

Segundo explicou o xefe do Executivo autonómico, trátase dun texto integrador que amplía sensiblemente o grao de presenza da emigración na vida pública galega a nivel social, cultural ou empresarial. En virtude desta normativa, as colectividades galegas verán favorecidos os seus procesos de unión, baixo criterios de racionalización, sostibilidade e optimización de recursos.

Feijóo quixo rematar a súa intervención animando á colectividade galega a continuar facendo grande Galicia desde México. “Os galegos que loitamos desde distintas responsabilidades sociais contra a crise non necesitamos buscar modelos alemáns ou franceses para marcar a nosa ruta. Témolos na casa. Témonos aquí”, concluíu.

1161 lecturas