Mato e Miranda salientan as comunidades galegas do Brasil como exemplo da fortaleza que xera a unión

A conselleira de Traballo e Benestar e o secretario xeral da Emigración visitaron varios centros que prestan servizos socio asistenciais aos galegos e as galegas de Río.

Asemade, Miranda visita [hoxe luns] o Club Español de Niterói, exemplo de sostibilidade de futuro para a Galeguidade, e despois desprazarase a México.

Secretaría Xeral da Emigración - Xunta de Galicia
Secretaría Xeral da Emigración - Xunta de Galicia
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 29 de abril de 2013.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, continúa [hoxe luns] a súa viaxe por Brasil na localidade de Niterói, que comparte xunto a de Río de Xaneiro a Baía de Guanabara, e na que reside unha importante colonia de galegas e galegos.

Miranda visita o Club Español –do que a metade das persoas asociadas son cidadás da nosa Comunidade- sito en Itaipú, e alí mantén unha reunión de traballo coa súa xunta directiva, ademais de achegarse a coñecer as inquedanzas das socias e socios. Trátase dunha entidade consolidada e de importante presenza social na zona, que conta con salas de ximnasia e danza, aulas de formación, unha importante biblioteca, e que tamén posúe relevantes instalacións deportivas e de ocio acuático, que a converten en referente social non só para a comunidade galega e española en xeral, senón mesmo para a local.

No encontro, o mandatario autonómico porá unha vez máis de relevo o exemplo que para a Galeguidade supoñen as comunidades galegas do Brasil, por canto foron quen de superar localismos e facer propia a mensaxe de que a unión fai a forza. Neste senso, tanto Miranda como a conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, tamén presente no Brasil, teñen invitado ás e aos responsables das mesmas a afondar nese camiño, posto que grazas a esa aposta a chama da Galeguidade ten garantida a súa pervivencia na República carioca, cun importante grao de afecto e mesmo admiración por parte da poboación autóctona.

Tecido produtivo
Nas últimas horas, Miranda e Mato visitaron varias entidades prestadoras de servizos socio asistenciais en Río de Xaneiro, outro dos focos cos maior presenza da colonia galega, onde tiveron oportunidade de asinar acordos con esas comunidades para axudalas na atención a galegos e galegas de avanzada idade residentes na zona.

Igualmente, ambos responsables autonómicos estableceron contacto con algunhas personalidades do ámbito empresarial, ás que transmitiron a mensaxe do desexo do tecido produtivo de Galicia de abrirse aos novos mercados emerxentes -dos que Brasil é expoñente senlleiro-, tanto no sentido de captar novos investimentos na Galicia territorial, como de atopar novos mercados para a exportación dos produtos e servizos galegos. Neste senso, Mato e Miranda puideron comprobar a boa imaxe que de Galicia se ten no Brasil.

México
Rematada a súa estadía na República Federativa, e xa en solitario, Miranda porá rumbo [mañá martes] aos Estados Unidos de México, onde terá ocasión de coñecer algunhas das actividades que desenvolve o Centro Gallego da capital azteca.

Entre elas, cabe salientar unha moi importante, e das máis relevantes da Galeguidade en todo o mundo: a Festa Campestre do Primeiro de Maio, á que se agarda asistan preto de 4.000 persoas, na súa inmensa maioría galegos e galegas residentes no Distrito Federal. Ademais, Miranda intensificará nesta ocasión os contactos co tecido empresarial galego residente en México, e tamén con empresarias e empresarios locais aos que poida interesar Galicia como punto para futuros investimentos.

941 lecturas