Miranda trasladou ás e aos representantes do CRE de Bos Aires o apoio social realizado pola Xunta a prol da colectividade galega en Arxentina así como o labor pioneiro no eido do retorno

O secretario xeral da Emigración mantivo unha reunión cos e coas representantes do Consejo de Residentes Españoles da capital arxentina con que tamén analizou outras cuestións de actualidade como a tramitación da nova lei electoral ou o compromiso de seguir a traballar pola modificación da lei da nacionalidade das e dos descendentes. 

Dende Emigración destacan que Arxentina segue a ser o país do mundo con maior número de galegas e galegos que optan por cursar unha Bolsa de Excelencia Mocidade Exterior - BEME para realizar un curso de máster en Galicia, con 302 solicitudes presentadas para o próximo curso, o que supón preto do 57% do total.

Imaxe da reunión celebrada en Bos Aires
Imaxe da reunión celebrada en Bos Aires
Listen to this page using ReadSpeaker
Bos Aires (Arxentina), 22 de xullo de 2022.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, e o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, acompañados do delegado da Xunta en Arxentina, Alejandro López Dobarro, mantiveron un encontro coas e cos representantes do Consejo de Residentes Españoles de Bos Aires . 

O responsable de Emigración trasladoulle ás e aos representantes do CRE de Bos Aires as liñas de traballo en prol do retorno dos galegos e galegas do exterior que está desenvolvendo a Xunta de Galicia, como son as Bolsas Excelencia Mocidade Exterior, BEME, ou as axudas ao retorno emprendedor, e solicitoulle colaboración para a divulgación das mesmas entre o colectivo galego residente en Bos Aires, dada a importancia que para a Xunta de Galicia ten Arxentina ,onde se atopa o colectivo máis numeroso de galegas e galegos do exterior, con máis de 182.600 censados. 

Deste xeito, destacou o apoio social realizado dende a Xunta de Galicia a prol da colectividade galega en Arxentina, así como o seu labor pioneira no eido do retorno. Neste senso, recordou que a Administración autonómica continúa a aprobar importantes liñas de axudas sociais para os galegos e galegas que máis o necesitan, e neste ámbito, solicitou tamén a colaboración do CRE para que estes apoios cheguen a todas as persoas con ascendencia galega que se atopen nunha situación máis delicada. 

O secretario xeral aproveitou tamén para recordar o traballo que se está a facer tamén dende o Goberno autonómico polo retorno a Galicia. Así, precisamente Arxentina é o país do mundo cun maior número de galegas e galegos que optan ás Bolsas de Excelencia Mocidade Exterior - BEME que permiten cursar un máster nunha das tres universidades galegas e que este ano contan con 250 prazas. “O 57% dos solicitantes desta liña de axuda para a formación, 302 en concreto, procede, na convocatoria desde ano, de Arxentina”, explicou Rodríguez Miranda. 

Voto rogado e Lei da nacionalidade
Miranda tamén se comprometeu durante este encontro en seguir traballando para conseguir a modificación da lei da nacionalidade das e dos descendentes, ademais de seguir a impulsar a tramitación da lei electoral para as e os residentes no exterior, que permitirá a eliminación do voto rogado.

O secretario xeral da Emigración asegurou que dende a Xunta de Galicia continúase a estar de acordo na necesidade de reformar o acceso á nacionalidade española por parte das e dos descendentes de cidadás e cidadáns españois, recordando o secretario xeral da Emigración que a Administración autonómica segue a traballar para que, dende o Goberno central, se corrixan os agravios comparativos que existen na actualidade para acceder á nacionalidade española.

621 lecturas