Subvencións para promover o autoemprego das persoas emigrantes galegas retornadas na Comunidade Autónoma galega para o ano 2022

Listen to this page using ReadSpeaker
1790 lecturas
Información e instrucións para a cumprimentación de solicitudes.
Resolución da convocatoria: 
RESOLUCIÓN do 17 de marzo de 2022, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións para promover o autoemprego e a actividade emprendedora das persoas emigrantes galegas retornadas na Comunidade Autónoma galega, e se procede á súa convocatoria no ano 2022.
Entidade: 
Secretaría Xeral da Emigración
Data de publicación: 
04.04.2022
Estado: 
Procedemento pechado

Obxecto:
Convocar  subvencións para promover o autoemprego e a actividade emprendedora na Comunidade Autónoma galega das persoas emigrantes galegas retornadas, co fin de que se establezan como persoas traballadoras autónomas ou por conta propia.

Persoas beneficiarias
Poderán ser beneficiarias destas subvencións as seguintes persoas, que residindo fóra de España, se establezan na Comunidade Autónoma galega:

  1. As persoas galegas e nacidas en Galicia.
  2. Os/as cónxuxes ou persoas con unión análoga á conxugal e os/as descendentes por consanguinidade das persoas galegas e nacidas en Galicia.

Requisitos
Todas as persoas solicitantes deberán cumprir os seguintes requisitos na data de presentación da solicitude:

  • a) Acreditar a condición de persoa beneficiaria de acordo co disposto no artigo 3. 
  • b) Estar en en posesión da nacionalidade española antes do retorno a España.
  • c) Ter residido no estranxeiro e que a data do retorno a España sexa a partir do 1 de xaneiro de 2020, incluído.
  • d) Estar de alta no réxime especial de autónomos ou en calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social ou en mutualidade do colexio profesional, en todo caso, con anterioridade á presentación da solicitude.
  • e) Residir e exercer a súa actividade laboral ou profesional na Comunidade Autónoma de Galicia.
  • f) Non ter sido beneficiaria desta axuda ao abeiro de anteriores convocatorias.
  • g) Non incorrer en ningunha das circunstancias e prohibicións para obter a condición de persoa beneficiaria de subvencións enumeradas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Contía  da subvención:
Para promover a creación e o desenvolvemento do autoemprego das persoas galegas retornadas e dos/as seus/súas descendentes que se establezan na Comunidade autónoma galega, establécese unha contía da subvención de  6.000 euros.

O importe da subvención incrementarase no caso de concorreren as seguintes situacións e nos seguintes importes, que serán acumulables:

  • a) No caso de que a persoa solicitante sexa muller: 1.000 euros.
  • b) No caso de que o centro de traballo (ou domicilio fiscal, no caso de carecer deste)  estea situado nun concello rural: 3.000 euros.

O importe máximo da subvención concedida ao abeiro desta convocatoria será de 10.000 euros.

FORMULARIOS DE TRAMITACIÓN DAS SOLICITUDES: picar aquí para acceder á Sede Electrónica


Informe de viabilidade do plan de negocio
O plan de negocio empresarial segundo o modelo do Anexo II deberá ter un informe da súa viabilidade económica e financeira de entidade independente, entre as que figuran os axentes de emprego e desenvolvemento local e a Unidade de Galicia Emprende do Igape. Neste último caso, o informe solicitarase a través da aplicación establecida no enderezo de internet https://igape.gal/gl/oficinavirtual.

Outra documentación para descargar:

Lugar de presentación da documentación:

  1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través  do formulario normalizado (anexo I)  dispoñible  na sede  electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.
  2. Para presentar as solicitudes poderase empregar calquera dos mecanismo de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluíndo o sistema de usuario e clave Chave 365 (https://sede.xunta.gal.chave365).
  3. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
  4. Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude de xeito presencial, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica.
  5. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.
Finalización do prazo de presentación de solicitudes: 
30.09.2022