Miranda asiste en Alemaña ao Entroido da Asociación Cultural Galega de Hamburgo

O secretario xeral da Emigración resalta a importancia de reforzar os vínculos coa colectividade galega no pais e agradece o compromiso da entidade coa difusión e transmisión da cultura galega.

Miranda asiste en Alemaña ao Entroido da Asociación Cultural Galega de Hamburgo
Miranda asiste en Alemaña ao Entroido da Asociación Cultural Galega de Hamburgo
Listen to this page using ReadSpeaker
Hamburgo (Alemaña), 23 de febreiro de 2020.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, viaxou este fin de semana ata Alemaña para asistir á tradicional celebración do Entroido organizada pola Asociación Cultural Galega de Hamburgo. Un marco no que o titular do departamento autonómico resaltou a importancia de reforzar os vínculos coa colectividade galega no pais, agradecendo o compromiso da entidade coa difusión e transmisión da cultura galega.

Non en van, e como lembrou Miranda, con preto de 160 asociados, esta asociación espalla a cultura galega mediante actividades socioculturais e a celebración de festividades rexionais, como o propio Entroido -que este ano contou coa participación do grupo de música tradicional galego A Roda-, ou o Dia das Letras Galegas.

O secretario xeral animou á entidade a seguir  “espallando a nosa cultura e a nosa lingua como pulo á Galicia exterior”, ao tempo que recalcou que “é imposible que un galego, sen importar o seu lugar de procedencia, xénero, idade e profesión, non se encha de orgullo ao ver que, aínda a milleiros de quilómetros da súa terra, os mozos e as mozas de Galicia seguen dando vida aos sons e aos bailes máis emblemáticos do noso fogar, o voso, o de Breogán”.

O terceiro país de Europa con máis galegos

Na Alemaña residen 17.227 galegos, segundo os últimos datos oficiais publicados polo Instituto Nacional de Estadística, con data 1 de xaneiro de 2018, o que o convirte no terceiro país do continente con maior presenza de galegos, só superado por Suíza e Francia. Do total de galegos no país xermano, menos da metade, 8.183, naceron en Galicia, e o máis do 52 % restante foi nado xa en Alemaña.

En imaxes
415 lecturas