Miranda mantén unha videoconferencia cos galegos e galegas da Alemaña para planificar o vindeiro ano cunha das colectividades máis numerosas de Europa
O secretario xeral da Emigración agradece ás entidades do país teutón o esforzo feito a prol da colectividade durante a “difícil situación que nos está a tocar vivir”.
O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, segue a desenvolver, tralo seu recente nomeamento, unha rolda de contactos coa colectividade galega no exterior a través de diferentes videoconferencias. Desta volta, Miranda reuniuse con representantes dos centros galegos da Alemaña, un dos países europeos con maior presenza de cidadás e cidadáns galegos.
O encontro permitiu ao titular do departamento autonómico afondar na evolución da súa situación durante os últimos meses na crise mundial xerada pola pandemia do coronavirus, coñecendo de primeira man as súas necesidades e a realidade cotiá que “lles está a tocar vivir nesta difícil situación”.
Neste marco, os centros galegos da Alemaña puideron detallar a evolución da problemática da COVID-19 nun país que se sitúa entre os que mellores datos arroxan de Europa. Ademais, as e os responsables das entidades puxeron en común as súas necesidades e perspectivas de futuro.
Un escenario no que Rodríguez Miranda expuxo as diferentes alternativas e opcións nas que vén traballando a Secretaría para reforzar os vínculos e a colaboración coas entidades no vindeiro exercicio, promovendo, un ano máis, distintos programas de apoio que lles axuden a facer fronte aos custos derivados da actual crise sanitaria.
O terceiro país de Europa con maior número de galegas e galegos
Na Alemaña residen 17.519 cidadás e cidadáns galegos, segundo os últimos datos oficiais publicados polo Instituto Nacional de Estadística, con data 1 de xaneiro de 2019, o que o converte no terceiro país do continente con maior presenza de galegas e galegos, só superado por Suíza e Francia.
Novas relacionadas