Miranda salienta en Zúrich a importancia do labor das entidades do exterior como transmisoras da cultura e as tradicións galegas

O secretario xeral da Emigración asistiu ao 37 aniversario da Asociación Cultural “As Xeitosiñas”

A entidade rendeu unha homenaxe ao responsable autonómico “polo seu compromiso en prol dos galegos do exterior”

  • Miranda salienta en Zúrich a importancia do labor das entidades do exterior como transmisoras da cultura e as tradicións galegas
    Miranda salienta en Zúrich a importancia do labor das entidades do exterior como transmisoras da cultura e as tradicións galegas
  • Miranda salienta en Zúrich a importancia do labor das entidades do exterior como transmisoras da cultura e as tradicións galegas
    Miranda salienta en Zúrich a importancia do labor das entidades do exterior como transmisoras da cultura e as tradicións galegas
  • Miranda salienta en Zúrich a importancia do labor das entidades do exterior como transmisoras da cultura e as tradicións galegas
    Miranda salienta en Zúrich a importancia do labor das entidades do exterior como transmisoras da cultura e as tradicións galegas
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago, 17 de marzo de 2018.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, salientou onte en Zúrich a importancia que a preservación do legado cultural e tradicional galego ten para as entidades do exterior. Este labor, imprescindible para reforzar os vínculos das novas xeracións de galegos diáspora coa súa terra de orixe, constitúese, ademais, en garante da continuidade e a preservación destas agrupacións, que se converten na principal vía de transmisión destes valores.

O responsable autonómico aproveitou a celebración do 37 aniversario da Asociación Cultural “As Xeitosiñas” para por en valor esta parte tan imprescindible do pasado e o presente da colectividade galega no estranxeiro. A celebración, á que asistiron arredor dun milleiro de galegos de Suíza e que contou coa actuación do músico ourensán Roi Casal, serviu para reforzar o compromiso que o Goberno galego ten coas entidades do país europeo, un dos que historicamente acolleu máis emigrantes procedentes de Galicia.

A experiencia da emigración

“É imposible que un galego, sen importar o seu lugar de procedencia, xénero, idade e profesión, non se encha de orgullo ao ver que, aínda a milleiros de quilómetros da súa terra, os mozos e as mozas de Galicia seguen dando vida aos sons e aos bailes máis emblemáticos do noso fogar, o voso, o de Breogán”, sinalou Miranda.

O secretario xeral da Emigración lanzou, ademais, unha mensaxe especialmente dirixida a todos os galegos que un día chegaron a  Suíza para deixar alí a súa pegada e xerar riqueza económica e mesmo demográfica: “Galicia vos espera. Non a Galicia que viu saír aos vosos pais e avós, e mesmo a moitos de vós, hai décadas. A Galicia que está agardando por vós é unha Galicia forte, lista e desexosa de aceptar toda a experiencia, a sabiduría e o coñecemento que levades convosco”.

A entidade, que conta con máis de dos centos de socios galegos, pola súa banda, quixo aproveitar o acto para agradecer formalmente a Miranda “o seu compromiso en prol dos galegos do exterior” coa entrega dun diploma honorífico e dun faro realizado por Sargadelos que pretende simbolizar a luz que guía a aqueles que queren achegarse a Galicia.

Máis de 40.000 galegos no país

Suíza é o terceiro país do exterior con maior poboación galega. Nela residen, segundo as últimas cifras publicadas polo INE, de xaneiro de 2017, un total de 40.983 galegos, dos que 37.060 teñen menos de 65 anos. É a estas novas xeracións ás que o Goberno galego quere brindar a oportunidade de rematar os seus estudos e comezar unha traxectoria laboral e vital na súa comunidade de orixe a través de programas de fomento do retorno como as Bolsas Excelencia Mocidade Exterior (BEME) e as Axudas ao Retorno Emprendedor.

1371 lecturas