Miranda agradece ao Centro Gallego de Málaga o seu labor para levar a cultura e a tradición galegas aos espazos públicos da capital andaluza

O secretario xeral da Emigración mantivo un encontro co vicepresidente da entidade malagueña, Alfonso Bermúdez Virgós.

Na provincia de Málaga residen 5.057 cidadás e cidadáns galegos
Na provincia de Málaga residen 5.057 cidadás e cidadáns galegos
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 28 de agosto de 2018.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, agradeceu ao Centro Gallego de Málaga os seus esforzos por levar a cultura e a tradición galegas a outros espazos públicos da capital andaluza, permitindo que cheguen, non só aos galegos e ás galegas residentes nesta comunidade, senón a todas e todos os habitantes da provincia. O responsable autonómico aproveitou o encontro que mantivo co vicepresidente da entidade, Alfonso Bermúdez Virgós, para transmitirlle o apoio da Xunta de Galicia ás diferentes actividades que está a organizar a colectividade galega en Málaga.

“Animamos aos galegos tanto da capital de provincia andaluza como do resto da comunidade a seguir levando as súas actividades aos espazos que comparten cos seus concidadáns, porque o importante é que todo o que fagamos en materia de cultura sexa para tratar de irradialo ao ámbito das sociedades onde están establecidas esas entidades”, sinalou Miranda.

Máis de 5.000 galegas e galegos na provincia andaluza
O Centro Gallego de Málaga, aglutina máis de 150 persoas asociadas, que organizan todos os anos diversos actos relacionados coa cultura da súa terra de orixe, como a celebración do Día das Letras Galegas, no que enxalzan aos autores ou autoras máis relevantes da historia da comunidade.

Na provincia malagueña residen actualmente 5.057 das e dos 21.685 cidadás e cidadáns galegos que hai en Andalucía, segundo os últimos datos oficiais publicados polo INE, con data 1 de xaneiro de 2018. Delas e deles, algo menos da metade, 2.032, foron nados na Coruña, 1.575 en Pontevedra, 853 en Ourense e 597 en Lugo.

En imaxes
555 lecturas