Miranda invita a todas e todos os galegos de Valencia a ser partícipes da nova etapa que está a emprender o seu Centro na capital

O secretario xeral da Emigración aplaudiu a iniciativa da directiva actual da entidade, que está afrontar o reto de darlle o protagonismo que merece.

Na provincia de Valencia residen 8.154 das e dos 18.486 galegas e galegos que residen na Comunidade Valenciana
Na provincia de Valencia residen 8.154 das e dos 18.486 galegas e galegos que residen na Comunidade Valenciana
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 5 de setembro de 2018.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, invitou a todos os galegos e as galegas da Comunidade Valenciana a converterse en actores principais da nova etapa que está a emprender o Centro Galego de Valencia, cuxa actual directiva impúxose o complexo reto de convertela na entidade que merece a capital levantina. O responsable autonómico trasladou os seus parabéns ao presidente da colectividade galega na cidade, José Ramón Cerdeira Alonso, durante o encontro que mantiveron na sede do departamento do Goberno galego, en Santiago de Compostela.

Miranda ratificou o seu compromiso cos e coas responsables do Centro Galego de Valencia na súa firme aposta por recuperar o peso que lle corresponde tanto dentro da sociedade levantina como no mapa de comunidades galegas no exterior, e que ten un dos seus máximos expoñentes no cambio de localización que está a xestionar. A mudanza a unha nova sede suporá un pulo para a entidade levantina, que conta con máis de trescentos socios y socias.

“Este é o momento de que os galegos da capital do Turia demostren ao resto do mundo que, se hai algo que nos caracteriza, é que estamos sempre ao carón dos nosos, que os nosos veciños sempre poden contar connosco cando a causa é boa, e que estamos dispostos a arrimar o lombo cando se trata de manter viva Galicia alá onde esteamos”, sinalou o responsable autonómico, quen animou a todas e todos os emigrantes e as súas e os seus descendentes afincados en Valencia a ser protagonistas e valedores do proceso de crecemento que a entidade galega en Valencia está a piques de poñer en marcha.

Preto da metade de toda a comunidade autónoma
Dos 18.486 cidadás e cidadáns galegos que residen na Comunidade Valenciana, preto da metade, 8.154, elixiron a provincia de Valencia para vivir, e deles 2.997 o fixeron desde A Coruña, 2.351 desde Pontevedra, 1.634 desde Ourense e 1.172 desde Lugo. Trátase da oitava comunidade autónoma que acubilla máis galegas e galegos.

1182 lecturas