Miranda agradece o traballo do coordinador da Federación de Sociedades Galegas de Cuba en Santa Clara, que permite ao Goberno galego achegar os seus programas sociais a esta provincia

O secretario xeral da Emigración mantivo un encontro co vicecónsul honorario de España na rexión cubana, Augusto de Jesús Blanco Ugarte.

Imaxe da reunión celebrada na sede da Secretaría Xeral da Emigración na capital de Galicia
Imaxe da reunión celebrada na sede da Secretaría Xeral da Emigración na capital de Galicia
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 23 de abril de 2019.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, agradeceu o “enorme compromiso e traballo que realiza a Federación de Sociedades Galegas de Cuba” en todo o país, e particularmente na provincia de Santa Clara. O responsable do departamento autonómico trasladou este recoñecemento ao coordinador, Augusto de Jesús Blanco Ugarte, durante unha reunión que mantiveron na sede de Emigración na capital galega.

O esforzo e a colaboración tanto a da Federación como dos distintos coordinadores e coordinadoras da illa centroamericana permite achegar os variados programas sociais do Goberno galego a diferentes partes do país. Ademais, esta cooperación e estreita relación que manteñen a Administración galega e os galegos e galegas de Cuba tamén fai posible realizar un seguimento constante do desenvolvemento destes programas sociais, sobre todo, o referido ás axudas económicas individuais. 

Preto de 43.500 galegas e galegos
Na actualidade residen en Cuba un total de 43.480 cidadás e cidadáns galegos, dos que 11.697 son orixinarios da provincia da Coruña, 14.922 da de Lugo, 13.473 da de Ourense e 3.388 da de Pontevedra, segundo os datos publicados polo Instituto Nacional de Estadística (INE) a data 1 de xaneiro de 2019. Sen embargo, e malia ser o terceiro país do mundo con maior presenza de cidadás e cidadáns galegos, unicamente 401 foron nados na comunidade autónoma, mentres que a inmensa maioría das e dos galegos de Cuba foron nados xa no seu país de destino.

118 lecturas