O Lar Gallego de Sevilla distingue a Antonio Rodríguez Miranda e a Antonio Patiño coa ‘Anduriña de Ouro’, máximo recoñecemento da comunidade galega na capital andaluza

O secretario xeral da Emigración definiu na súa alocución o Lar como unha entidade “viva, forte, e con ambición de futuro”.

  • Imaxe do acto deste sábado no Lar Gallego
    Imaxe do acto deste sábado no Lar Gallego
  • Imaxe do acto deste sábado no Lar Gallego
    Imaxe do acto deste sábado no Lar Gallego
  • Imaxe do acto deste sábado no Lar Gallego
    Imaxe do acto deste sábado no Lar Gallego
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 28 de novembro de 2015.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, e mailo presidente da Federación de Centros Galegos de Andalucía, Antonio Patiño, recibiron hoxe en Sevilla cadansúa ‘Anduriña de Ouro’, no decurso dos actos conmemorativos do 59º aniversario do ‘Lar Gallego’ de Sevilla.

Na categoría de prata, recibiron esa mesma distinción tres persoas asociadas da entidade, todas elas con máis de quince anos de permanencia na entidade: Andrés Garrido Barrero, Nona Abalde Saa, e Felipe Zamora Resina. Tamén se entregou o premio do VII Certame de Relatos Curtos ‘María Teresa Rodríguez’ (que fora presidenta do Lar) ao gañador da edición deste ano, David Hidalgo.

Nos actos estiveron presentes diversas personalidades da vida cultural e social da capital andaluza, ademais de representantes municipais, entre elas o propio alcalde da localidade, Juan Espadas, a delegada de Participación Cidadá do concello hispalense, Adela Castaño, e maila delegada do Distrito de Nervión en Sevilla, Inma Acevedo. Asemade, boa parte da masa asociativa da entidade participou activamente dos actos de celebración, que incluíron unha homenaxe aos socios e socias falecidos, actuacións do coro do Lar, e xantar de confraternidade, entre outros eventos.

Unha comunidade viva
Na súa alocución ao máis do centenar de persoas presentes na imposición da anduriña, o secretario xeral da Emigración asegurou que o Lar Gallego  “ten demostrado en numerosas ocasións a súa capacidade de mobilización, a súa forte cohesión interna, a súa boa imaxe ante a sociedade andaluza, as súas excelentes relacións coas autoridades locais, e puiden coñecer persoalmente a solidez dos seus plans de futuro”.

Rodríguez Miranda gabou o papel das e dos galegos en Sevilla e no resto de Andalucía, destacando desta comunidade “a súa vitalidade, a súa forza asociativa, a súa capacidade organizativa, e a súa ambición de futuro”. Para o máximo responsable autonómico en materia de Emigración, “Galicia está moi dignamente representada na capital andaluza. Persoalmente, estou convencido de que no Lar atópase un numeroso grupo de excelentes embaixadores da calidade da nosa terra”.

O secretario xeral tivo agarimosas palabras para o outro homenaxeado, Antonio Patiño. Así, Miranda puxo de relevo “o importante traballo que está a realizar a Federación de Asociacións Galegas en Andalucía, mercé á batuta de Patiño, para canalizar un traballo común en múltiplos aspectos, e albergo a esperanza de que a fluidez de comunicación e a unión de intereses entre os centros se traslade á maior parte posible de ámbitos, e así engrandecer a vantaxe de pertencer a esa gran comunidade que é a Galeguidade universal, que entre todas e todos construímos cada día”.

Durante os actos de hoxe no Lar Gallego de Sevilla, todas e todos os presentes tiveron palabras de eloxio e recordo para Neira Vilas. O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, enxalzou a figura do egrexio artista, e a súa achega fundamental para o coñecemento da Galicia da diáspora.

O Lar
Presidido por Alfredo Otero e fundado en 1956, o Lar Gallego de Sevilla desenvolveu sempre as súas finalidades fundacionais, a cultural, a recreativa, e a deportiva, pero tamén a benéfica, destacando como referente da solidariedade entre as e os integrantes da colectividade galega no Sur.

Arestora, posúe un local social en propiedade duns catrocentos metros cadrados, con sala de reunións, de audiovisuais, ampla biblioteca, ludoteca, e servizos de hostalaría. Vén celebrando desde o seu nacemento un importante número de actos, nos que participa non só a comunidade galega, senón tamén a veciñanza sevillana con grande interese, proba da excelente convivencia que sempre se produciu entre persoas galegas e andaluzas. A entidade conta cunha importante presenza na Feira de Sevilla, máximo expoñente turístico dunha das cidades españolas con máis atractivo internacional.

Galicia en Andalucía
Segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística, residen na Comunidade Autónoma de Andalucía algo máis de 22.000 galegas e galegos, das e dos cales preto de 4.000 están censados na provincia de Sevilla.

Ademais da comunidade galega con sede na capital hispalense, existen outras comunidades asentadas en Andalucía nas cidades de Córdoba, Huelva, Málaga e Puerto de Santa María, que configuran a devandita Federación de Centros Galegos en Andalucía, á que tamén se ten sumado o Centro Galego con sede na cidade autónoma de Ceuta.

1040 lecturas