A Xunta promove a formalización de negocios conxuntos entre empresas galegas e uruguaias
O director do Igape mantivo un encontro co seu homólogo do Instituto de Promoción de Inversiones y Exportaciones (Uruguai XXI) no que avaliaron a subscrición de futuros acordos de cooperación.
Ambas entidades estudan a formalización dun convenio que favoreza as exportacións e facilite a implantación de empresas galegas en Uruguai.
A Xunta de Galicia está a impulsar a colaboración empresarial e institucional con Uruguai co fin de localizar e desenvolver novas oportunidades de negocio e alianza para empresas galegas e uruguaias. Este foi o obxectivo central do encontro que mantivo en Montevideo, dentro da súa viaxe institucional, o director do Igape, Javier Aguilera, co seu homólogo no Instituto de Promoción de Inversiones y Exportaciones (Uruguay XXI), Roberto Villamil.
Dita reunión permitiu abordar as posibilidades de negocio e cooperación empresarial en diversos sectores de actividade como as TIC, as enerxías renovables, o sector da construción ou o naval, nos que as empresas galegas poden aportar solucións a proxectos comúns. De feito, compañías como Espina Obras Hidráulicas, San José ou Iceacsa están xa implantadas en Uruguai e poderían actuar como aliadas para que outras empresas galegas accedan a este mercado.
Neste contexto, o Igape e Uruguai XXI estudarán a formalización, en datas próximas, dun convenio de colaboración para impulsar accións concretas que favorezan tanto as exportacións como as implantacións de empresas galegas en Uruguai. Non en van, as exportacións galegas a Uruguai supoñen o 13% do total de España a ese país, principalmente moda e tecnoloxía industrial.
O acordo establecerá unha transferencia de tecnoloxías e resultados entre as empresas das dúas rexións, intensificando as posibilidades de alianza. Así mesmo, canalizaranse investimentos de empresas uruguaias cara a Galicia, ao tempo que Uruguai XXI achegará información para facilitar a participación de empresas galegas en grandes licitacións en Uruguai.
Alianzas comerciais
Logo deste encontro, ao que cabe sumarlle o mantido con representantes da Asociación de Empresarios Galegos en Uruguai (AEGU) ao comezo da súa viaxe, Javier Aguilera reuniuse co conselleiro comercial da Oficina Comercial Española, Antonio Sánchez Bustamante, e co embaixador de España en Uruguai, Roberto Varela, para coñecer en profundidade as posibilidades de alianza que as empresas galegas poden atopar neste Estado.
O encontro permitiu resaltar a aposta da Consellería de Economía e Industria pola Rede de Asociacións de Empresarios de Orixe Galego no Exterior, destacando o seu papel fundamental para aproveitar o potencial exportador galego, xerar confianza e atraer investimento estranxeiro.
Novas relacionadas