Julio Cortázar foi homenaxeado en Rosario lembrando a súa relación con Galicia
O Centro Gallego da cidade organizou, no ano do centenario do nacemento do xenial escritor arxentino, 'Galicia Celebra a Cortázar', un acto de recoñecemento á súa figura e obra onde se destacou a relación do creador dos "cronopios" con Galicia.
A xornalista María Laura Nóbrega conduciu o desenvolvemento do acto
Momento da actuación do Conxunto Folclórico de Música Tradicional
Declamación de poemas de Cortázar polo escritor rosarino Alejandro Guarino
Momento da actuación do grupo de baile tradiciional da entidade
Declamación de poemas de Cortázar polo escritor rosarino Marcelo Juan Valenti
Isabel Pisano, Dora Sajevicas e Paulo San Martín, do programa de Radio Splendid de Bos Aires 'Las Noches y Los Cuentos'
Trío de voces e guitarras composto por Lucila Tolari Guimarey, Pablo Pallares e Nahuel Diviani
Guillermo Picallo Durán, presidente da entidade galega na capital rosarina, deu a benvida ao numeroso público asistente
A xornalista María Laura Nóbrega conduciu o desenvolvemento do acto
No serán do pasado sábado 16 de agosto, o Centro Galego de Rosario vestiuse de festa e encheu as instalacións do seu auditorio con moito público e participación. O centenario do nacemento do xenial escritor arxentino non pasou desapercibido debido á súa entrañable relación con Galicia. Julio Cortázar, infatigable viaxeiro, doou post mortem, a través da súa primeira esposa e amiga de toda a vida, Aurora Bernárdez, o seu patrimonio fotográfico e fílmico á Comunidade Autónoma de Galicia.
E o acto-espectáculo realizado na cidade arxentina explorou esa relación Cortázar-Galicia. Todo comezou con palabras de benvida do presidente do Centro Galego, Guillermo Picallo Durán, e logo sucedéronse unha serie de segmentos presentados pola xornalista María Laura Nóbrega. A disertación, a cargo da titular de Cultura do devandito Centro, Graciela González Rodríguez, referiu á amizade de Cortázar con galeguistas exiliados que desenvolveron unha profusa actividade cultural en Bos Aires, e o fundamental que foi a aparición de Francisco Porrúa, o editor coruñés, na vida do autor de Rayuela. Ademais, resaltou a introdución da literatura de Cortázar na lingua galega, pechando a súa exposición cun fragmento de A autoestrada do sur, tradución de Francisco Xosé Fernández Naval do consagrado conto do eterno cronopio. Logo, os escritores rosarinos Alejandro Guarino e Marcelo Juan Valenti leron poemas de Julio Cortázar ante unha audiencia silenciosa. O acto continiou cun momento musical a cargo do trío de voces e guitarras composto por Lucila Tolari Guimarey, Pablo Pallares e Nahuel Diviani, que executaron obras latinoamericanas dedicadas ao autor homenaxeado.
Outro segmento de lecturas, seguido moi atentamente polos espectadores e espectadoras, con contos inspirados na obra e a figura cortazariana, estivo a cargo do alumnado e o coordinador do obradoiro de Escritura Creativa que se desenvolve cada sábado na biblioteca Rosalía de Castro da entidade galega. Así, Vilma Gallegos, Katty Camino, Beatriz Elías, Lisandro Romero e Raúl Astorga ofreceron un cadro literario acompañados polas guitarras dos intérpretes musicais anteriores.
Un coffe-break para o público asistente, mentres se acomodaban micrófonos e atrís no escenario, permitiu unha pausa moi breve que deu paso á parte final do encontro. O Conxunto Folclórico de Música (Lucinda Méndez, Silvia Navarro, Celina Miguens, Federico Rubio, Esteban Sánchez) e Baile do Centro (Laura Alvarez, Angeles Astorga, María Laura Galassi, Federico Irurzun, Leandro Barba Palacios) e o grupo de Cantareiras Alumea (Beatriz Camafreita, Haydée González, K. Camiño, V. Galegos, G. González) exhibiron unha fusión de tradición e contemporaneiade que arrincou extensos aplausos da platea. A festa tivo o seu broche de ouro coa intervención especial das actrices Isabel Pisano e Dora Sajevicas e o actor Paulo San Martín -as persoas que realizan o programa de Radio Splendid de Bos Aires 'Las Noches y Los Cuentos'- quen presentaron un programa acorde ao momento, interpretando de xeito particular textos de Julio Cortázar que fascinaron ás e aos espectadores que responderon ovacionando a clausura dunha noite inesquecible. O momento do brinde foi, sen dúbidas, instante de camaradaría, de achegamento e de lembranza dun autor que influíu en xeracións de lectoras e lectores de todo o mundo.
Novas relacionadas



