Morre Aurora Bernárdez, tradutora e viúva de Cortázar

Recollemos aquí o artigo de Francisco X. Fernández Naval publicado no xornal 'La Voz de Galicia'.

Aurora Bernárdez faleceu en París o pasado sábado
Aurora Bernárdez faleceu en París o pasado sábado
Listen to this page using ReadSpeaker
A Coruña, 9 de novembro de 2014.

Dicíase de Cortázar que tiña o don de non envellecer. Pero quen non envellecía era Aurora Bernárdez. Ata antonte mantivo a lucidez, o sentido do humor, a intelixencia, a capacidade de sedución. Aurora naceu en Bos Aires o 23 de febreiro de 1920, nun fogar de emigrantes galegos. Con seis meses os pais acordan regresar á aldea de Lago, no concello ourensán de Maside. Alí vivirá ela ata os catro anos, cando os pais deciden tentar a emigración por segunda vez, de novo en Bos Aires. Alá marcha unha nena que só falaba galego. Media irmá do escritor Francisco Luis Bernárdez, sempre se considerou galega; de feito, Cortázar chamáballe Golp, pero tamén Galleguita. Con Cortázar casa en París en 1952. O matrimonio dura ata finais dos 60. Sería curioso velos, el tan alto, ela baixa, pero os dous, tal e como os lembra Vargas Llosa, nunha perfecta complicidades, pasándose os temas un a outro, simpáticos, comprometidos e, sobre todo, aprendices da vida.

Aurora e Paco Luis iniciarán a Cortázar no coñecemento da literatura galega, en especial dos cancioneiros medievais. Vai ser ela quen o trae aquí, en 1956 e 1957, sendo Paco embaixador arxentino en España. Será ela quen o axude sempre como lectora e compañeira cómplice e quen regrese á súa beira ao final, para coidalo durante a enfermidade.

Aurora foi unha das grandes tradutoras ao castelán dende tres linguas: italiano, francés e inglés. A ela debémoslle o legado do arquivo das súas imaxes e as de Cortázar, depositadas no CGAI. A última vez que falei con ela, pediume axuda para publicar un libro sobre a relación de Paco con Galicia e recuperar toda a súa obra en galego. Mientras tenga cabeza y piernas, me dedicaré a ordenar a mi hermano. Pero cabeza e pernas fallaron o xoves. Agora tamén ela está no mundo dos cronopios.

 

Fonte: La Voz de Galicia | Foto: fernandeznaval.blogaliza.org

 

930 lecturas