Cultura e Educación difunde a vida e a obra de Xosé María Díaz Castro na XL Feira Internacional do Libro de Bos Aires

O autor ao que este ano se lle dedica o Día das Letras Galegas foi o protagonista do programa de actividades desenvolvido pola Consellería na capital arxentina ao abeiro desta feira, na que están representadas máis de 20 editoriais galegas.

O secretario xeral de Cultura apoiou a participación de Galicia nesta cita co libro de referencia internacional, que se desenvolve ata o 12 de maio.

A asistencia ás principais feiras internacionais do libro constitúe unha das liñas de actuación da Xunta para promover o sector editorial galego nos mercados exteriores.

  • Anxo Lorenzo coa catedrática de literatura da Universidade de Bos Aires María del Carmen Porrúa, irmá do recoñecido editor Francisco Porrúa
    Anxo Lorenzo coa catedrática de literatura da Universidade de Bos Aires María del Carmen Porrúa, irmá do recoñecido editor Francisco Porrúa
  • O secretario xeral de Cultura no acto literario-musical organizado pola consellería no marco da XL Feira Internacional do Libro de Bos Aires
    O secretario xeral de Cultura no acto literario-musical organizado pola consellería no marco da XL Feira Internacional do Libro de Bos Aires
  • Expositor de Galicia na XL Feira Internacional do Libro de Bos Aires
    Expositor de Galicia na XL Feira Internacional do Libro de Bos Aires
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 30 de abril de 2014.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria difundiu no exterior a literatura e a cultura galegas a través da XL Feira Internacional do Libro de Bos Aires cunha programación de actividades na que a figura e a obra de Xosé María Díaz Castro tiveron un presenza destacada. O autor ao que a Real Academia Galega (RAG) lle dedica en 2014 o Día das Letras Galegas foi o protagonista do acto literario-musical organizado pola consellería no marco desta feira e que estivo presidido polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo.

A sala Roberto Arlt da feira do libro foi o escenario desta actividade, na que recoñecidos expertos en Díaz Castro lle achegaron ao público a traxectoria vital e literaria do poeta lucense. O escritor, crítico literario e profesor Armando Requeixo xunto co escritor e presidente do Centro PEN de Galicia, Luís González Tosar, valoraron a contribución da obra de Díaz Castro á literatura galega, ao tempo que destacaron a súa faceta como tradutor, labor ao que dedicou gran parte da súa vida.

Novas publicacións sobre Díaz Castro
Tamén presentaron as principais obras publicadas recentemente arredor do autor, como a reedición de Nimbos (Galaxia), revisada por Luís G. Tosar, e Sombras radiantes, que reúne por vez primeira a poesía en lingua castelá do autor, ambas realizadas coa colaboración da Secretaría Xeral de Cultura. Ademais, o escritor e xornalista Luis Pousa afondou na celebración das Letras Galegas desde unha perspectiva histórica e deu conta da dimensión e do significado desta data para a lingua e a literatura galegas.

A parte musical do acto correu a cargo de Marlene Rodrigues, Santiago Ferragud e Isaac Garabatos, do grupo Xardín Desordenado, que lles puxeron voz e melodía aos versos de Díaz Castro e tamén a outros poemas de recoñecidos escritores e escritoras galegos.

A xornada literaria completouse coa presentación no stand de Galicia das obras Verde oliva e La Habana flash, a cargo do seu autor, Xavier Alcalá. A Xunta de Galicia tamén puxo o stand ao dispor da Asociación de Amigos de Valle-Inclán para dar a coñecer o número 27 da Cuadrante, revista semestral de Estudos Valleinclanianos e Históricos, que foi presentada pola catedrática de literatura da Universidade de Buenos Aires María del Carmen Porrúa, irmá do recoñecido editor Francisco Porrúa.

Preto de 200 persoas participaron neste acto literario arredor das Letras Galegas, entre eles alumnado do Instituto Arxentino-Galego Santiago Apóstol, xunto co seu profesor Carlos Brandeiro; persoas membro da Academia Arxentina de Letras, como Antonio Requeni; a xefa de gabinete de Cultura do Goberno da Cidade de Bos Aires, Josefina Delgado; recoñecidos escritores como César Aira; a directora de Cultura da feira, Nelly Espiño; a subdirectora xeral de Bibliotecas da Xunta, Cristina Rubal; persoas membro da asociación Terzo da Fala, así como numerosas persoas que se atopaban entre o público xeral da feira.

O acto literario enmarcouse no programa de actividades promovido pola Consellería ao abeiro da feira do libro, na que Galicia está presente desde a primeira edición, hai 40 anos. Estas actividades para a difusión exterior da literatura e da lingua galegas contaron co acompañamento institucional do secretario xeral de Cultura, que viaxou á capital Arxentina para apoiar a proxección internacional do sector editorial galego.

Durante a súa viaxe institucional, ademais de participar nos diversos actos literarios promovidos pola Consellería tanto na feira como noutros espazos da cidade vinculados con Galicia, como o Instituto Arxentino-Galego Santiago Apóstol, Anxo Lorenzo reuniuse con diversas autoridades porteñas vinculadas coa cultura, entre elas a xefa de gabinete de Cultura do Goberno da Cidade de Buenos Aires, Josefina Delgado; e o director xeral de Industrias Culturais da Secretaría de Estado de Cultura, Rodolfo Hamawi.

Galicia será a protagonista da feira en 2016
Tamén mantivo un encontro coas e cos membros da Academia Argetina de Letras e coa directiva da Fundación El Libro, para iniciar a planificación da participación galega na Feira do Libro de Bos Aires de 2016, na que Santiago de Compostela será a cidade convidada. Así mesmo, visitou outras entidades, entre elas O Terzo da Fala, no Centro Lalín, onde tivo ocasión de coñecer a actividade desenvolvida por esta asociación para promover na capital arxentina a lingua e a cultura galegas.

Logo da súa participación na Feira do Libro Infantil e Xuvenil de Boloña o pasado mes de marzo, o sector editorial galego promove actualmente as súas obras e os seus autores e autoras noutra das citas de referencia internacional neste ámbito, a Feira do Libro de Bos Aires, á que asiste un ano máis co apoio da Consellería. Desde o 24 de abril ao 12 de maio, o stand de Galicia difunde a produción editorial de máis de 20 editoriais, entre elas Novagalicia Edicións, Xerais, Galaxia, Rodeira, Laiovento, Ir Indo, Editorial KNS, MC Sports, Edicións do Cumio, Everest, Espiral Maior, Edicións Nigra Trea, Baía Edicións, Auga Editora, Linteo, Kalandrada, OQO editora e Edicións do Tambre.

Apoio á internacionalización do libro e da literatura
Unha das principais liñas de promoción do sector editorial galego nos mercados exteriores é a asistencia ás feiras internacionais do libro, un programa desenvolvido en acordo coa Asociación Galega de Editores, que en 2014 apoia a presenza de Galicia nas feiras do libro de Boloña, Bos Aires, Frankfurt e Guadalaxara (México).

En imaxes
1243 lecturas