Intervención do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, tras a reunión extraordinaria do Consello da Xunta con data 27 de agosto de 2012

  • Alberto Núñez Feijóo durante a súa intervención tras a reunión extraordinaria do Consello da Xunta. Foto: Ana Varela.
    Alberto Núñez Feijóo durante a súa intervención tras a reunión extraordinaria do Consello da Xunta. Foto: Ana Varela.
  • Alberto Núñez Feijoo presidiu onte a reunión extraordinaria do Consello da Xunta.
    Alberto Núñez Feijoo presidiu onte a reunión extraordinaria do Consello da Xunta.
  • Alberto Núñez Feijoo presidiu onte a reunión extraordinaria do Consello da Xunta.
    Alberto Núñez Feijoo presidiu onte a reunión extraordinaria do Consello da Xunta.
Listen to this page using ReadSpeaker

Santiago, 27 de agosto de 2012.

Moitísimas grazas a todos e grazas pola súa asistencia.

Comparezo hoxe ante os medios de comunicación para transmitir ás galegas e aos galegos que esta mesma mañá tense celebrado un Consello extraordinario da Xunta de Galicia no que, conforme ao reflectido na Lei que desenvolve o Estatuto de Autonomía, teño exercido a competencia exclusiva da presidencia do Goberno para convocar as próximas eleccións autonómicas.

Desde que o pasado 1 de marzo de 2009 os galegos me outorgaron a honra de presidir o noso país, teño tentado exercer as miñas obrigas coa responsabilidade. Coa responsabilidade que exixe o cargo que asumín, a responsabilidade que exixen os cidadáns e a responsabilidade que exixe un momento como o que estamos a vivir, un momento de extraordinaria gravidade económica para España.

Desde esa mesma responsabilidade teño tomado a decisión de que as próximas Eleccións Autonómicas galegas se celebren o próximo 21 de outubro deste ano 2012.

Creo que é unha decisión coherente co meu compromiso coas galegas e os galegos, co meu compromiso con Galicia e tamén co meu compromiso co Estado das Autonomías; porque esta data, tendo en conta todos os factores económicos, sociais e políticos, é a que brinda a maior estabilidade para Galicia. Para Galicia autonomamente, e para Galicia como parte do Estado.

Así o considero por tres razóns:

En primeiro lugar, para blindar a necesaria planificación económica que esixe un momento como este, reitero, de extraordinaria dificultade económica. Creo que é preciso que o Goberno que elabore os orzamentos do ano 2013 poida desenvolver as contas desde o inicio do seu mandato e non teña que convocar eleccións poucos días despois de aprobar as referidas contas, deixando así, suxeito a toda incerteza electoral, todas as contas de Galicia para o ano 2013.

En segundo lugar, por respecto aos cidadáns, que nos piden sempre, e máis nun momento económico coma este, unidade política. Debemos favorecer un maior entendemento nas forzas políticas galegas.

E, en terceiro lugar, e confeso que isto decantou definitivamente a miña decisión, porque nun momento como no que está España, a España das Autonomías, é obriga tamén das propias comunidades autónomas favorecer a estabilidade política; e, levar as eleccións a marzo do ano 13 suporía, ademais dun gasto adicional, un período electoral excesivamente prolongado ao separar en catro meses dúas convocatorias electorais: a convocatoria electoral vasca e a convocatoria electoral galega.

Respecto á primeira das razóns expostas, Galicia ten ante si, novamente, o reto de volver a facer unhas contas públicas do ano 2013 que nos permitan manternos como a Comunidade Autónoma con menor déficit e a como a Comunidade Autónoma máis solvente de España. Creo que é importante, de cara a manter a estabilidade da Comunidade, que o Goberno que os vai a desenvolver sexa tamén o Goberno que os inicie. Así mesmo, precisamos do traballo e das aportacións de todos os partidos políticos para facer as contas do ano 2013.

Respecto a isto -a necesaria colaboración de todos e a unidade política- vén a segunda das razóns expostas. Os últimos acontecementos deixan ver con claridade que, na actual situación política en Galicia, xa soamente hai interese para alimentar e facer crecer a disputa partidista en lugar de contribuír a que poidan decrecer os problemas do país.

A isto, hai que sumar que, por mor da negativa da oposición a que se reduciran –conforme ao Estatuto de Autonomía- os custes que supón o Parlamento Autonómico en impostos dos cidadáns, teñen anunciado que esta actitude improdutiva e de desunión iría en aumento.

E respecto da terceira razón. A terceira razón enunciada, como teño dito, decantou definitivamente a miña decisión. Creo que responde a unha cuestión de coherencia política e de responsabilidade con Galicia.

O pasado ano 2011 todos os españois foron convocados dúas veces ás urnas. Dúas veces ás urnas por motivo das Eleccións Municipais e das Eleccións Xerais, nun período de apenas seis meses.

Eu entón defendín e insistín en que non era bo nin para Galicia nin para España ese período de inestabilidade electoral e de permanente competencia partidista. Sostiña que debían xuntarse nunha soa cita ambas eleccións, máis aló do importante aforro económico de fondos públicos que se podía acadar.

Desde que os galegos me elixiron para ser Presidente propúxenme, xunto co Goberno de Galicia, que Galicia fóra a primeira Comunidade en combater con determinación a crise económica.


Durante todo este tempo Galicia foise adiantando en decisións que, de ser tomadas no mesmo momento desde todas as administracións, tiveran situado a España nunha situación económica ben diferente á que estamos.

Ao longo desta lexislatura, Galicia ten sido a Comunidade que máis e mellor controlou, e continuamente, o déficit público que hoxe condiciona o futuro de toda a nación, e é hoxe a Comunidade Autónoma de toda España máis estable economicamente, co déficit público máis baixo e con maior solvencia de unha facenda autonómica; facendo todo isto compatible con ter ido incrementando prazas públicas dos servizos sociais, contidos na Educación pública, e a construción de novos hospitais e centros de saúde.

Galicia ten sido parte da solución dos problemas do Estado das Autonomías e négome a que a nosa Comunidade poida provocar unha maior inestabilidade que tería nas galegas e nos galegos -aos que me debo- aos cidadáns máis prexudicados.

Desde Galicia acertamos tomando decisións que ao tempo non se tomaban en España; e dende Galicia non imos repetir agora o erro que supuxo para España non xuntar as Eleccións Municipais e Xerais nunha mesma convocatoria o pasado ano.

Tendo en conta a data das eleccións vascas, anunciada fai uns días polo Goberno vasco -a data de que no próximo mes de outubro se van a celebrar as eleccións en Euskadi- de convocar en Galicia as eleccións en marzo do ano que vén, volveriamos a situar ao Estado das Autonomías -durante case medio ano- nun período político condicionado por dúas convocatorias electorais, por gastos adicionais ademais que suporía facelas por separado.

Desde o inicio desta lexislatura, Galicia vén tomando decisións responsables e ao término da lexislatura, facer coincidir –como xa ocorreu no ano 2009- as eleccións galegas coas eleccións vascas para o próximo 21 de outubro é a decisión máis responsable. É a decisión máis responsable que se pode tomar de Galicia para Galicia, e é a decisión máis responsable que se pode tomar de Galicia para o conxunto da España das Autonomías.

Desde Galicia para España porque o próximo 21 de outubro, Galicia, que acudirá ás urnas como a Comunidade máis estable e máis solvente da nación, volverá mandar unha mensaxe de que é leal, e de que é responsable e pensa no interese común do Estado das Autonomías.

E desde Galicia para Galicia para que, a partir do próximo 21 de outubro, todos os partidos desta terra, abandonemos unha división que non conduce a nada e escoitemos nas urnas o que queren as galegas e os galegos. E, na miña opinión, o que queren as galegas e os galegos neste momento, é que traballemos unidos por eles, é dicir, por Galicia.

Moitas grazas.

En imaxes
677 lecturas