Galicia foi a comunidade autónoma cun menor aumento do seu endebedamento no último ano, tres veces inferior á media

A Comunidade galega seguiu ampliando o seu diferencial positivo no terceiro trimestre respecto ao conxunto de CC.AA., ata os 2,6 puntos de PIB.

Galicia reduciu en 5 millóns de euros no terceiro trimestre o seu endebedamento respecto ao segundo e o mantivo no 13,3% do PIB.

A pasada lexislatura optou por un endebedamento controlado e emitiu tan só o aprobado no CPFF e proseguirá por ese camiño.

Galicia pasou en catro anos de estar tres décimas por riba da media en endebedamento a estar 2,6 puntos por debaixo.

O Goberno galego aposta pola transparencia e a súa débeda en empresas públicas é tres veces menor que a media.

Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 15 de decembro de 2012.

Galicia foi a comunidade autónoma cun menor aumento de endebedamento no último ano, tres veces inferior á media, segundo os datos do terceiro trimestre do ano feitos públicos onte polo Banco de España.

Desta forma, a Comunidade galega pechou setembro cunha diminución de 5 millóns de euros do seu endebedamento respecto ao segundo trimestre, co que mantivo a ratio débeda/PIB no 13,3%, o que lle permitiu seguir ampliando o seu diferencial positivo coa media de España, que foi do 15,9%, 2,6 puntos superior.

Ademais, unha vez incluída a débeda das empresas públicas, Galicia ten un diferencial positivo aínda maior, de 3,4 puntos, xa que ten unha ratio de débeda/PIB do 13,7%, fronte ao 17,1% de media de comunidades. Isto significa que a débeda das empresas públicas galegas é tres veces menor que a media, a oitava autonomía con menor endebedamento. Igualmente compróbase que Galicia aposta pola transparencia e non concentra endebedamento nas empresas públicas.

A Xunta de Galicia mantivo durante toda a lexislatura pasada un endebedamento controlado e emitiu tan só a porcentaxe aprobada cada exercicio no seo do Consejo de Política Fiscal y Financeira (CPFF). De feito, a finais de 2008 Galicia tiña unha ratio débeda/PIB tres décimas por encima da media e neste momento está 2,6 puntos por debaixo. Na nova lexislatura proseguirá polo mesmo camiño.

Así mesmo, a aprobación por este Goberno da Lei 2/2011, de 16 de xuño, de Disciplina Orzamentaria e Sostenibilidade Financeira, representa o compromiso do Executivo galego coa sostenibilidade das finanzas públicas no curto, medio e longo prazo para blindar o Estado do Benestar.

A introdución dunha regra fiscal limita o crecemento do gasto público nas épocas expansivas da economía, polo que se os ingresos evolucionan por riba do PIB, a parte que exceda se dedicará a diminuír débeda. De terse feito isto na anterior lexislatura, nun contexto de elevados ingresos con crecementos superiores ao 10% ano a ano, Galicia teríase aforrado 2.000 euros millóns de euros.

755 lecturas