A conselleira de Facenda resalta o compromiso de Galicia coa sostenibilidade das finanzas públicas como medio para blindar o Estado de benestar

Elena Muñoz Fonteriz subliña que o rigor no control do gasto e do déficit por parte da comunidade dá os seus froitos.

Galicia foi a comunidade autónoma que mellor controlou o déficit público nos tres últimos anos

Salienta que a Comunidade galega foi a primeira que regulou por lei a estabilidade orzamentaria nunha norma que fixa regras fiscais asociadas ao ciclo e un control.

Asegura que esta lei achega transparencia ao proceso orzamentario para a elaboración das contas e garante un teito de gasto máximo.

A titular de Facenda participou en Madrid nas xornadas ‘El ajuste fiscal de las CC.AA.’, organizado polo Instituto de Estudios Económicos.

Listen to this page using ReadSpeaker

A conselleira de Facenda na xornada na que participou esta mañá en Madrid.   A conselleira de Facenda, Elena Muñoz Fonteriz, resaltou hoxe o compromiso de Galicia coa sostenibilidade das finanzas públicas como medio para blindar o Estado de Benestar e a prestación dos servizos públicos básicos.

Elena Muñoz Fonteriz, que participou en Madrid nas xornadas ‘El ajuste fiscal de las CC.AA.’, organizadas polo Instituto de Estudios Económicos, referiuse á recente presentación dos Plan de Reequilibrio das Comunidades Autónomas e subliñou que Galicia só tivo que axustar o seu déficit en 69 millóns de euros dos máis de 18.000 que o tiveron que facer o conxunto de autonomías, algo que atribuíu a que o rigor no control do gasto e do déficit ten os seus froitos.

A titular de Facenda lembrou que desde a toma de posesión do actual Executivo autonómico, hai xa algo máis de tres anos, Galicia pode estar orgullosa de ser a comunidade autónoma que mellor controlou o déficit público.

Neste senso, sinalou que un dos elementos fundamentais da política económica da Xunta de Galicia é a disciplina orzamentaria na busca da estabilidade fiscal. Na súa opinión, este parámetro constitúe un instrumento esencial para garantir a sostenibilidade do estado de benestar e hoxe se mostra como determinante do futuro económico inmediato para empresas e familias.

Así, a titular de Facenda subliñou que todas as administracións públicas e, en particular, as autonomías, se enfrontan a retos moi importantes nos que a sostenibilidade financeira se refire e engadiu que, do seu éxito ou fracaso dependerá o nivel e a calidade dos servizos públicos do estado de benestar que se poida garantir á cidadanía.

A conselleira lembrou tamén que Galicia é un referente para o resto de comunidades por ser a primeira en regular por lei a súa estabilidade orzamentaria, establecendo un teito de gasto, unhas regras fiscais asociadas ao ciclo e un control, ademais de incrementar a transparencia a actuación do Goberno autonómico.

Segundo explicou, a estratexia do Executivo galego pasa por deseñar unha actuación orzamentaria que permita crear unha marxe de manobra adicional para a estabilización cíclica co obxecto de protexerse dunha evolución orzamentaria imprevista e acelerar a redución de débeda pública.

En relación ao endebedamento da Comunidade galega, Elena Muñoz Fonteriz subliñou que a actuación de Galicia foi e será moi rigorosa, xa que concluíu que o endebedamento é a variable clave para medir a sostenibilidade das finanzas públicas.

861 lecturas