Emigración potencia a Oficina Integral de Asesoramento e Seguimento ao Retorno cun servizo de atención fiscal básico

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, visitou a sede situada na capital galega onde destacou a aposta da Xunta polo retorno coa ampliación das e dos técnicos destinados a apoiar aos galegos e galegas do exterior nos eidos laboral, social, xurídico e tributario na súa volta a Galicia. 

Recordou que a Administración autonómica conta con cinco sedes situadas en Santiago de Compostela, A Coruña, Lugo, Ourense e Vigo. 

A nivel galego, superáronse as e os 15.000 retornados atendidos dende a súa posta en marcha en 2020 e a resposta a máis de 50.000 consultas, tanto presenciais como telefónicas e telemáticas.

  • Antonio Rodríguez Miranda, esta mañá, durante a visita á Oficina do Retorno de Santiago de Compostela
    Antonio Rodríguez Miranda, esta mañá, durante a visita á Oficina do Retorno de Santiago de Compostela
  • Antonio Rodríguez Miranda, esta mañá, durante a visita á Oficina do Retorno de Santiago de Compostela
    Antonio Rodríguez Miranda, esta mañá, durante a visita á Oficina do Retorno de Santiago de Compostela
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 23 de agosto de 2023.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, visitou esta mañá a sede en Santiago de Compostela da Oficina Integral de Asesoramento e Seguimento ao Retorno situada en San Lázaro, onde xa foron atendidas, dende a apertura deste servizo, en 2020, un total de case 28.000 consultas de galegas e galegos do exterior no seu regreso a Galicia. Durante esta visita, o responsable do departamento autonómico destacou que a Xunta potencia esta oficina cun servizo fiscal e tributario básico.  

Miranda destacou o labor destas Oficinas Integrais de Asesoramento e Seguimento ao Retorno no acompañamento e axuda aos galegos e galegas do exterior que decidiron retornar a Galicia e comezar unha nova vida.  “Trátase do punto de referencia esencial de todo o traballo da Estratexia Galicia Retorna que acabamos de ampliar cun segundo período ata 2026. Deste xeito, non só potenciamos os servizos, ampliando os programas de apoio ao retorno, senón tamén agora os servizos que, como a Oficina Integral ao Retorno, permiten garantir un regreso máis sinxelo e axeitado dos galegos que apostan pola nosa sociedade para o seu futuro”, engadiu o secretario xeral. 

O responsable de Emigración destacou a aposta da Xunta de Galicia polo retorno, coa ampliación das e dos técnicos destinados a apoiar aos galegos e galegas do exterior nos eidos laboral, social, xurídico, e agora, en particular, fiscal e tributario na súa volta á comunidade autónoma, e recordou que existe unha delegación desta oficina en Lugo, A Coruña, Ourense, Vigo e Santiago de Compostela

Estas oficinas están cofinanciadas polo Fondo Social Europeo e contan con persoal técnico, xurídico e social especializado que se encarga de informar e asesorar aos galegos e galegas do exterior de cara a favorecer o retorno, así como de acompañar ás e aos galegos retornados e ás e aos seus familiares. Entre os seus labores atópanse atender as dúbidas en relación as diferentes tramitacións burocráticas que se deben realizar ao regresar a Galicia, así como dar traslado tamén dos programas e axudas cos que poden contar nesta volta á comunidade autónoma. Tamén comunican os temas relacionados con educación, formación, laboral e social, e mesmo, no caso das e dos familiares con outra nacionalidade, tamén asesoran de xeito básico no eido da estranxeiría, ofrecendo apoio continuo, tanto presencial como telemático.

Dende o comezo do seu funcionamento, como parte da Estratexia Galicia Retorna, as cinco oficinas integrais das catro provincias asesoraron a máis de 15.000 familias interesadas en coñecer as liñas de apoio coas que a Xunta de Galicia conta para axudarlles a consolidar o seu regreso, así como as canles existentes para homologar estudos, facilitar a tramitación da documentación persoal e a presentación de solicitudes de subvencións e prestacións. 

Así, en total, atendéronse ata o momento, dende a posta en marcha da oficina en 2020, máis de 60.000 consultas, relacionadas con temas educativos (escolarización de menores, formación regrada, formación para o emprego, homologación de estudos...); sociais como asistencia sanitaria, autorizacións de residencia, axudas económicas, prestacións ou vivenda; ou laborais como información acerca do emprego por conta allea ou axudas ao autoemprego.

  • Audio 1: Antonio Rodríguez Miranda, sobre a Oficina do Retorno | Descargar
  • Audio 2: Antonio Rodríguez Miranda, sobre o novo servizo de asesoramento fiscal básico da Oficina do Retorno | Descargar
421 lecturas