Feijóo ve a alianza estratéxica con Pemex “unha das mellores noticias de economía e emprego dos últimos tempos” e concreta que suporá máis de 2,6 millóns de horas de traballo para o naval

O responsable do Goberno galego e o director xeral de Pemex, Juan José Suárez Coppel, asinaron na tarde de onte o acordo de colaboración entre Petróleos Mexicanos e a Xunta de Galicia.

Salienta que a posibilidade de que o Porto Exterior de Punta Langosteira poda converterse en base loxística da petroleira permite revitalizar o papel de Galicia como referente portuario na fachada atlántica europea.

Asegura que o convenio supón unha gran oportunidade para o futuro da nosa economía, “xa que directamente é emprego e inversión en Galicia, pero indirectamente é tamén unha mensaxe internacional de confianza en Galicia que nos abrirá portas”.

Amósase convencido de que este convenio será tamén unha gran oportunidade para a petroleira, “que coñece e vai aproveitar o enorme potencial dos nosos sectores naval e portuario”.

Resalta que Pemex, ao longo dos últimos meses, puido acreditar que Galicia acumula coñecemento histórico, enerxía e capacidades suficientes para cumprir as expectativas e conta cunha posición xeoestratéxica indubidable.

Afirma que a outra razón que fixo posible materializar esta colaboración é a implicación política: a implicación da Xunta, “que foi permanente desde que iniciamos os primeiros contactos”; e a implicación dos Gobernos español e mexicano “que incluíron este asunto na axenda bilateral de ambas as dúas nacións”.

“A firma deste convenio supón poder dicir a un sector que o está pasando mal como o naval, que ten presente e que ten futuro; e que Galicia camiña firme na internacionalización da súa economía e dá hoxe signos claros de que é un territorio apto e seguro para investir”, di.

  • O responsable da Xunta e o director xeral de Pemex, durante a sinatura do acordo. Foto: Xoán Crespo.
    O responsable da Xunta e o director xeral de Pemex, durante a sinatura do acordo. Foto: Xoán Crespo.
  • O responsable da Xunta e o director xeral de Pemex, durante a sinatura do acordo. Foto: Xoán Crespo.
    O responsable da Xunta e o director xeral de Pemex, durante a sinatura do acordo. Foto: Xoán Crespo.
  • O responsable da Xunta e o director xeral de Pemex, durante a sinatura do acordo. Foto: Xoán Crespo.
    O responsable da Xunta e o director xeral de Pemex, durante a sinatura do acordo. Foto: Xoán Crespo.
  • O responsable da Xunta e o director xeral de Pemex, durante a sinatura do acordo. Foto: Xoán Crespo.
    O responsable da Xunta e o director xeral de Pemex, durante a sinatura do acordo. Foto: Xoán Crespo.
Listen to this page using ReadSpeaker

O responsable do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, cualificou, onte, durante a sinatura co director xeral de Pemex, Juan José Suárez Coppel, do acordo de colaboración entre Petróleos Mexicanos e a Xunta, a alianza estratéxica con Pemex como “unha das mellores noticias de economía e emprego dos últimos tempos”.

Durante o acto, Feijóo salientou que se trata dunha “gran noticia” para o futuro do sector naval galego, e precisou que a construción de 7 remolcadores exclusivamente en estaleiros galegos, doutros 7 en colaboración con estaleiros mexicanos e a posibilidade de adquirir un flotel supón case 250 millóns de euros de investimento (máis de 310 millóns de dólares), máis de 2,6 millóns de horas de traballo que derivan en 2.500 postos de traballo directos e indirectos “e, polo tanto, esperanza para un dos nosos principais sectores produtivos”. 

Unha gran oportunidade para o sector portuario galego e para a economía galega
O titular da Xunta reiterou que a alianza estratéxica con Pemex é unha gran oportunidade para o futuro do noso sector portuario, “xa que a posibilidade de que o Porto Exterior de Punta Langosteira poda converterse en base loxística da petroleira permite revitalizar o papel de Galicia como referente portuario na fachada atlántica europea”; e unha gran oportunidade para o futuro da nosa economía, “xa que directamente é emprego e inversión en Galicia, pero indirectamente é tamén unha mensaxe internacional de confianza en Galicia que nos abrirá máis portas”.

E amosouse convencido de que este convenio será tamén unha gran oportunidade para a petroleira, “que coñece e vai aproveitar o enorme potencial dos nosos sectores naval e portuario”. Deste xeito, Feijóo expresou o seu orgullo de, como presidente de Galicia, poder abrir esta alianza estratéxica, e de facelo coa seguridade de que os traballadores e traballadoras e as e os emprendedores cos que Pemex se vai relacionar, nos próximos meses, contan cunha valía profesional que resiste calquera comparación con calquera sector naval do mundo. “Eles son os grandes beneficiarios deste acordo, pero tamén a súa principal garantía”, dixo. 

O titular da Xunta salientou que este acto de sinatura é “a proba de que naquel litoral que despedía emigrantes, agora se reciben e envían mercadorías, se prestan servizos e se participa en suma no mundo globalizado, ata o punto de atraer o interese da cuarta petroleira do mundo”.

Feijóo referiuse así as dúas razóns que o fixeron posible, e que puideron comprobar diversos directivos de Pemex ao longo dos últimos meses: “A primeira delas puideron constatala nos distintos estaleiros galegos e nas infraestruturas portuarias que visitaron. Alí puideron acreditar que Galicia acumula coñecemento histórico, enerxía e capacidades suficientes para cumprir as expectativas máis ambiciosas e esixentes das principais petroleiras do mundo. Se Pemex viu unha oportunidade en Galicia é porque contamos cunha posición xeoestratéxica indubidable, pero tamén con capacidade de produción, de recursos e de coñecementos tecnolóxicos no naval e no ámbito portuario”. 

Implicación política da Xunta e dos Gobernos español e mexicano
A segunda razón que fixo posible materializar esta colaboración é, segundo o presidente autonómico, a implicación política: a implicación da Xunta, “que foi permanente desde que iniciamos os primeiros contactos”; e a implicación dos Gobernos español e mexicano, “e dos seus respectivos presidentes –Mariano Rajoy e Felipe Calderón-, que incluíron este asunto na axenda bilateral de ambas as dúas nacións e cuxo impulso, sen dúbida, foi fundamental para que puidésemos pechalo só unhas poucas semanas despois do seu encontro en México D.F.”.

Feijóo concluíu a súa intervención incidindo en que grazas a eses dous factores, “o principal directivo de Pemex desprazouse a Galicia para darnos unha das mellores noticias de economía e emprego dos últimos tempos”. “A firma deste convenio supón poder dicir a un sector que o está pasando mal como o naval, que ten presente e que ten futuro; poder dicir que unha infraestrutura como o Porto Exterior de Punta Langosteira e todo o sistema portuario de Galicia pode ser un importante dinamizador da nosa economía; e que Galicia camiña firme na internacionalización da súa economía e dá hoxe signos claros de que é un territorio apto e seguro para investir”.

963 lecturas