O presidente da Xunta subliña que a entrada de Pemex no accionariado de Barreras entraña beneficios para as e os traballadores do naval, para o conxunto do sector e para a economía galega en xeral

O titular da Xunta asegura que o acordo entre a petroleira mexicana e o estaleiro vigués reflicte a capacidade do naval galego de xerar confianza e agarda que esa virtude se amplíe a outros sectores.

Remarca que o naval “pasa de ser un sector que tiña as gradas baleiras nalgún estaleiro a ser un sector con capacidades exponenciais de conseguir carga de traballo da cuarta petroleira do mundo”.

Incide na importancia da operación para unha empresa que leva 22 meses sen novos pedidos, que vén dun concurso de acredores e que tiña dificultades para conseguir o aval para afrontar o pedido do flotel de Pemex.

Destaca que o Goberno galego está cumprindo e ampliando a súa folla de ruta con Pemex.

Expresa o seu convencemento de que a petroleira mexicana cumprirá o seu compromiso de facer un flotel na ría de Ferrol.

O presidente da Xunta, na rolda de prensa tras o Consello. Foto: Ana Varela
O presidente da Xunta, na rolda de prensa tras o Consello. Foto: Ana Varela
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 2 de maio de 2013.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, subliñou hoxe que a entrada de Pemex no accionariado de Barreras reflicte a capacidade do naval galego de xerar confianza, e mostrouse esperanzado en que esa capacidade se amplíe a outros sectores. Así o dixo o xefe do Goberno galego en rolda de prensa, logo de coñecer a “declaración pública vinculante” acordada entre a petroleira mexicana e o estaleiro galego.

O titular da Xunta afirmou que este acordo “supón beneficios, en primeiro lugar para os traballadores do naval, en segundo lugar para o sector naval na súa totalidade, incluídas as empresas auxiliares, e, en terceiro lugar, beneficios claros para Galicia”. A ese respecto, apuntou que “os traballadores que están en paro no naval, que lamentablemente son moitos, poden empezar a traballar de forma inmediata na construción, como mínimo, de dous floteis que se van facer un na ría de Vigo e outro na ría de Ferrol”.

Do mesmo xeito, salientou que o naval “pasa de ser un sector que tiña as gradas baleiras nalgún estaleiro, a ser un sector con capacidades exponenciais de conseguir carga de traballo da cuarta petroleira do mundo”.

Incidiu o presidente da Xunta da importancia para a Comunidade Autónoma deste investimento de Pemex, porque supón que “unha das grandes empresas do mundo quere investir en Galicia. Non nun dos sectores que van ben, senón, nun dos sectores que vai mal”.

Para Alberto Núñez Feijóo a captación deste “socio estratéxico” acada especial relevancia no caso dun estaleiro que leva 22 meses sen un contrato, que vén dun concurso de acredores e que estaba a ter dificultades para conseguir os avais necesarios para afrontar o pedido dun flotel para Pemex.

Cumprindo e ampliando a folla de ruta con Pemex
O titular do Executivo galego resaltou que a Xunta “non só está a cumprir a folla de ruta con Pemex, senón que a estamos incrementando”, e insistiu na necesidade de que “a capacidade de xeración de confianza de Galicia no sector naval se poida ampliar para outros sectores”. “Ese é un obxectivo fundamental: que Galicia é un lugar no que vale a pena investir e polo que merece a pena apostar”, abundou.

Ademais, o presidente autonómico expresou a súa confianza en que Pemex cumprirá o seu compromiso de facer un flotel na ría de Ferrol, ”a través do vehículo que posibilite a maior rapidez para o inicio de corte de chapa”.

882 lecturas