Conde sinala que as empresas galegas están “nunha magnífica posición” para optar á renovación da flota menor de Pemex

O conselleiro de Economía e Industria mantivo encontros en Mazatlán con Pemex, a Secretaría de Marina e estaleiros galegos e mexicanos que están participando no proceso.

Conde salienta a colaboración entre empresas de Galicia e México para presentar unha oferta “competitiva e diferenciadora”.

Freire, Valiña e Gabadi teñen desenvolto desde hai meses un importante traballo de coordinación con estaleiros mexicanos e a industria auxiliar.

  • Francisco Conde no Encontro de Negocios Marítimos de Mazatlán
    Francisco Conde no Encontro de Negocios Marítimos de Mazatlán
  • Francisco Conde no Encontro de Negocios Marítimos de Mazatlán
    Francisco Conde no Encontro de Negocios Marítimos de Mazatlán
Listen to this page using ReadSpeaker
Mazatlán (México), 14 de xuño de 2013.

A participación do conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, no Encontro de Negocios Marítimos de Mazatlán (México) serviu para constatar que a alianza estratéxica entre a Xunta e a cuarta petroleira do mundo “segue avanzando con paso firme”.

Durante a celebración desta feira internacional, Francisco Conde mantivo encontros con Pemex, a Secretaría de Marina de México e estaleiros galegos e mexicanos e a industria auxiliar nos que se fixo seguimento do proceso de renovación da flota menor de Pemex, que suporá un investimento de 240 millóns de dólares na construción de 25 embarcacións.

Tal e como subliñou o conselleiro, este proxecto “podería concretarse nas próximas semanas”, unha vez que se definan todos os aspectos requiridos pola petroleira e a Secretaría de Marina. Segundo sinalou Conde, “puidemos constatar que as empresas galegas que van presentar unha oferta conxunta con empresas mexicanas están nunha posición magnífica de cara a poder optar a esta contratación”.

Neste sentido, as compañías galegas Freire, Valiña e Gabadi teñen desenvolto desde hai meses un importante traballo de coordinación con estaleiros de México como Seni, Marecsa, Tng e a industria auxiliar, Fundiciones Rice, co obxectivo de presentar unha “oferta competitiva e diferenciadora”, que permita non só dotar de carga de traballo ao sector naval galego senón tamén impulsar o desenvolvemento da industria naval mexicana, iniciando así, tal e como salientou o conselleiro, “unha nova etapa dentro da alianza estratéxica con Pemex”.

825 lecturas