Feijóo cualifica de “oportunidade histórica” o inicio de acordo entre a empresa petroleira mexicana Pemex e o sector naval galego, que conleva “carga de traballo, investimentos e emprego” e que proba que “Galicia é un lugar axeitado para investir”

O titular da Xunta acompañou ao presidente do Goberno de España durante a súa viaxe oficial ao país azteca.

“Estamos ante o inicio dunha gran operación comercial para Galicia onde concretamos a posibilidade de que o sector naval galego faga barcos para a flota menor da petroleira e que, ademais, as empresas auxiliares galegas participen en outra serie de barcos en México para prover directamente a Pemex”, di.

Espera que, nas próximas semanas, “podamos concretar este inicio de acordo que o presidente Rajoy e o presidente Calderón anunciaron e que a Xunta leva traballando desde hai meses”.

Garante “traballar ao máximo” para conseguir emprego e investimento en Galicia “e para que teñamos carga de traballo no sector naval ou en outros sectores a través das relacións internacionais, a través das relacións económicas”.

Agradece ao presidente Rajoy que “coroase un traballo feito nos últimos meses”.

Listen to this page using ReadSpeaker
O presidente da Xunta, nunha foto de arquivo xunto co presidente mexicano, Felipe Calderón, durante a súa visita no novembro pasado ao país azteca.
O presidente da Xunta, nunha foto de arquivo xunto co presidente mexicano, Felipe Calderón, durante a súa visita no novembro pasado ao país azteca.

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, cualificou o inicio de acordo entre a empresa petroleira mexicana Pemex e o sector naval galego de “oportunidade histórica”, dunha “enorme transcendencia económica”, que conleva “investimentos e, en consecuencia, emprego”; unha oportunidade para dotar de carga de traballo ao sector naval galego.

Horas antes de iniciar a viaxe de volta á Comunidade, despois de acompañar ao presidente do Goberno de España, Mariano Rajoy, na súa viaxe oficial ao país azteca, Feijóo subliñou que estamos ante o inicio dunha “gran operación comercial” para Galicia: “Unha operación comercial –dixo- onde concretamos a posibilidade de que o sector naval galego faga barcos para a flota menor da petroleira Pemex e que, ademais, as empresas auxiliares galegas participen en outra serie de barcos en México para prover directamente a Pemex”.

Feijóo destacou que o Executivo galego leva moito meses traballando neste proxecto “e vamos a seguir facéndoo”, asegurou. “Hoxe, o presidente Rajoy e o presidente Calderón acaban de anunciar formalmente que este proxecto continúa adiante e, agora, temos que concretar o alcance e contido deste posible acordo para que, a partir de aí, empecemos xa as contratacións e, a partir de aí, empecemos as facturacións e conseguir carga de traballo, emprego e investimento”.

Amais de ser unha “excelente” noticia, Feijóo salientou que esta nova nos enche de esperanza, “non só pola noticia en si mesmo, senón porque Galicia é un lugar axeitado para investir e é un lugar que se pode converter nun dos provedores dunha das grandes petroleiras do mundo como é petróleos mexicanos Pemex”. “Espero que nas próximas semanas –engadiu- podamos concretar este inicio de acordo que o presidente Rajoy e o presidente Calderón anunciaron e que a Xunta leva traballando desde hai meses”.

O responsable do Goberno galego garantiu que o Executivo autonómico seguirá traballando para conseguir emprego e investimento en Galicia “e para que teñamos carga de traballo no sector naval ou en outros sectores, a través das relacións internacionais, a través das relacións económicas”. “A miña obriga como presidente é traballar ao máximo cando os proxectos e os acordos comerciais teñen esta importancia”, asegurou.

Por último, Feijóo agradeceu ao presidente Rajoy que “coroase un traballo feito nos últimos meses e que estamos xa a piques de poder concretar, definitivamente, con detalle o alcance e contido desta gran operación comercial”.

1328 lecturas