Feijóo valora os avances alcanzados con Peña Nieto para o sector naval porque "México pode ter máis barcos galegos e Galicia máis investimento mexicano”

O titular da Xunta visitou, hoxe, o Porto Progreso, un dos principais portos do país mexicano en canto ao tráfico de mercancías e considerado porta de entrada ao Golfo de México.

Ve importante que o presidente mexicano avale que Pemex conte con Galicia en novas operacións no futuro e resalta a confianza da petroleira no naval galego, reflectida no seu interese por participar no accionariado de estaleiros galegos.

Acorda coas autoridades do Porto Progreso dar “carácter de estabilidade” á cooperación entre esta dársena e os portos galegos e fomentar as relacións comerciais.

Avanza como eixos da reunión co Gobernador de Iucatán: a posibilidade de afondar na colaboración no ámbito eólico e abrir un diálogo estable en materia de pesca e de turismo.

O titular da Xunta visitou, hoxe, o Porto Progreso, un dos principais portos do país mexicano en canto ao tráfico de mercancías.
O titular da Xunta visitou, hoxe, o Porto Progreso, un dos principais portos do país mexicano en canto ao tráfico de mercancías.
Listen to this page using ReadSpeaker
Mérida (Estado de Iucatán), 16 de abril de 2013.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, amosouse hoxe satisfeito polos avances logrados para o sector naval galego na reunión que mantivo onte co titular do Goberno mexicano, Enrique Peña Nieto, porque segundo puxo de manifesto: “México pode ter máis barcos galegos e Galicia máis investimento mexicano”.

Na súa última xornada de traballo en México, no Estado de Iucatán, Feijóo transmitiu que o mero feito de poder presentar a industria naval ao novo presidente do país “xa merecería a pena”, pero engadiu que o resultado do encontro “superou as expectativas”.

Así, agradeceu que Peña Nieto non só mantivera vixente todos os compromisos alcanzados na pasada lexislatura, e que inclúen o acordo asinado con PMI –filial de PEMEX— co estaleiro público Navantia e co estaleiro privado Barreras para a construción de dous floteis e a ubicación dunha base loxística da petroleira no Porto Exterior de Punta Langosteira.

A maiores, subliñou a importancia de que o presidente de México avale que Pemex conte con Galicia en novas operacións no futuro e concretamente na renovación da flota menor de PEMEX que suporá un investimento de 240 millóns de dólares. Tamén considerou “moi importante” que a confianza da petroleira no naval galego se estenda ata o punto de que teña manifestado o seu interese por participar no accionariado de estaleiros galegos.

“Non soamente afianzamos o que a tiñamos, senón que abrimos novas vías de colaboración”, resumiu, e considerou que é unha “gran noticia” para o sector naval galego, que terá un papel moi importante nos plans de investimento previstos por México para aproveitar todo o seu potencial petrolífero.

Neste senso, asegurou que tanto o encontro con Peña Nieto como a reunión previa co director de PEMEX serviu para constatar que o compromiso do país mexicano cos estaleiros galegos transcende aos cambios directivos en PEMEX e ao relevo no Goberno ocorridos tralas pasadas eleccións mexicanas.

“Galicia logrou o compromiso de dous presidentes de México”, salientou, e animou ao sector naval galego a seguir poñendo en valor o seu potencial “en cada oportunidade que haxa no mercado internacional”.

Ese mesmo obxectivo tamén o fixou para outros sectores produtivos de Galicia, como o portuario e o eólico, que marcarán a súa xornada de traballo en Iucatán. Así, Feijóo visitou o Porto Progreso, un dos principais portos do país mexicano en canto ao tráfico de mercancías e considerado porta de entrada ao Golfo de México.

Durante a visita, na que estivo acompañado por varias autoridades da Administración Portuario Integral de Progreso, Feijóo avogou por dar “carácter de estabilidade” á cooperación entre esta dársena e os portos galegos. Así, de cara ao futuro fomentaranse as relacións comerciais mediante intercambio de información, busca de investimentos e oportunidades de negocio. Tamén se colaborará en materia de seguridade, loxística e eficiencia.

Posteriormente, o presidente da Xunta tamén manterá un encontro co Gobernador de Iucatán, Rolando Zapata, unha cita no que poñerá en valor as potencialidades de Galicia para participar nos plans de diversificación económica emprendida neste Estado.

De xeito concreto, plantexará a posibilidade de afondar na colaboración no ámbito eólico, consciente de que o sector eólico galego conta cunha experiencia moi útil para os obxectivos de Iucatán neste eido.

“Loxicamente, a experiencia eólica de Galicia é incomparable e por iso podemos ser aliados estratéxicos de Iucatán no futuro”, explicou Feijóo, e engadiu que o encontro co Gobernador tamén servirá para abrir un diálogo estable en materia de pesca e de turismo, dúas áreas de especial importancia neste estado mexicano. Non en van, Iucatán é líder nacional en captura e venda de produtos pesqueiros como o polbo e ten no turismo o principal motor da súa economía.

978 lecturas