Feijóo e o director de Pemex fan seguimento da alianza estratéxica entre Galicia e a petroleira, nunha reunión preparatoria do encontro que o próximo luns manterá co presidente mexicano

Agradece a receptividade e o interese de PEMEX por confirmar os compromisos alcanzados na pasada lexislatura e darlle continuidade no futuro.

Aborda a posibilidade de promover consorcios como fórmula para profundar nas relacións económicas entre Galicia e México, así como seguir colaborando para facilitar a transferencia de tecnoloxía entre ambos os dous países.

Explica que os investimentos previstos no Plan Nacional de Desenvolvemento 2013-2018 ofrecen importantes posibilidades a Galicia, como a empresas de construción e a empresas vinculadas con servizos de consultoría ou enxeñaría.

A axenda do titular da Xunta en México xa incluíu a visita a dous ministros, que se completarán nos próximos días coa xuntanza que manterá coa ministra de Desarrollo Social e co propio presidente mexicano, Peña Nieto.

  • O presidente da Xunta, no encontro que mantivo co ministro de Desenvolvemento Agrario de México.
    O presidente da Xunta, no encontro que mantivo co ministro de Desenvolvemento Agrario de México.
  • O presidente da Xunta, no encontro que mantivo co ministro de Desenvolvemento Agrario de México.
    O presidente da Xunta, no encontro que mantivo co ministro de Desenvolvemento Agrario de México.
Listen to this page using ReadSpeaker
México, 13 de abril de 2013.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o director xeral de PEMEX, Emilio Lozoya Austin, fixeron nas últimas horas seguimento da alianza estratéxica materializada na pasada lexislatura entre a Xunta de Galicia e a petroleira, nun encontro preparatorio da reunión que o titular do Goberno galego manterá o vindeiro luns co presidente mexicano, Enrique Peña Nieto.

Durante o almorzo mantido -no que tamén participou o conselleiro de Economía, Francisco Conde López-, Núñez Feijóo e Lozoya avaliaron os distintos aspectos que conforman o acordo entre Galicia e PEMEX, referido tanto ao sector portuario como ao sector naval, e nos que xa se teñen concretado distintos proxectos de colaboración nos últimos meses.

Neste sentido, Feijóo agradeceu ao director de PEMEX, que tomou posesión no cargo hai pouco máis de catro meses, a súa receptividade e o seu interese en confirmar os compromisos alcanzados na pasada lexislatura e darlle continuidade para que os estaleiros galegos poidan seguir optando ás oportunidades que supón o proceso de renovación da flota iniciado pola petroleira.

Precisamente, afondar nesa alianza é un dos obxectivos do presidente galego de cara ao encontro da próxima semana con Peña Nieto, co que pechará a rolda de contactos con distintos membros do Goberno mexicano.

Consorcios e transferencia de tecnoloxía
Con anterioridade, o presidente galego mantivo un encontro co ministro de Economía, Ildefonso Guajardo, co que abordou a posibilidade de promover consorcios como fórmula para profundar nas relacións económicas entre Galicia e México. Para Feijóo, estes instrumentos poden ser unha vía axeitada para abrir os principais sectores económicos de Galicia ás oportunidades que ofrece un mercado emerxente como o país mexicano.

Con este mesmo obxectivo, no encontro tamén acordaron seguir colaborando para facilitar a transferencia de tecnoloxía entre ambos os dous países, tanto entre os distintos centros tecnolóxicos como entre os sectores produtivos. Particularmente, consideraron que esta posibilidade podería dar froitos en ámbitos de interese común, como a automoción, o viño ou a metalurxia.

Plan Nacional de Desenvolvemento
Na mesma liña, o presidente da Xunta tamén analizou posibles fórmulas de colaboración co ministro de Desarrollo Agrario, Rural e Urbano, Jorge Carlos Ramírez. Así, ambos coincidiron en que as e os emprendedores e as e os investidores galegos e galegas teñen moitas oportunidades de mercado no plan de desenvolvemento iniciado polo Goberno mexicano en materia de construción civil e infraestruturas.

Así, explicou que os investimentos previstos no Plan Nacional de Desenvolvemento 2013-2018 ofrecen importantes posibilidades tanto a sectores da construción, como a empresas vinculadas con servizos de enxeñería e consultoría.

Antes de reunirse con Peña Nieto, o presidente da Xunta tamén manterá un encontro coa ministra de Desarrollo Social, Rosario Robles, así como con distintas e distintos emprendedores mexicanos e coa colectividade galega. Posteriormente ao encontro co presidente mexicano, dirixirase á Mérida para visitar o Porto de Altura de Progreso e reunirse co Gobernador do Estado de Yucatán, Rolando Zapata.

765 lecturas