Feijóo apoia ante Peña Nieto a fase final das conversas entre Pemex e o naval galego para pechar novos contratos neste semestre

O titular da Xunta de Galicia reuniuse, hoxe, co presidente dos Estados Unidos Mexicanos.

O obxectivo é que Galicia siga participando na renovación da flota menor emprendida por PEMEX, que suporá un investimento de 240 millóns de dólares.

Feijóo expresa a satisfacción de que PEMEX “siga contando con Galicia”, con novas operacións que se unen á xa firmada por PMI co estaleiro público Navantia e co estaleiro privado Barreras para a construción de dous floteis.

O titular da Xunta desvela o interese de PEMEX por participar no accionariado de estaleiros galegos; e avanza que diversos investidores privados tamén estudan a posibilidade de entrar no capital de empresas do naval galego.

No eido da colaboración noutros sectores, ambos os dous mandatarios propoñen avanzar na colaboración dos centros tecnolóxicos e dos sectores produtivos para a transferencia de tecnoloxía.

O presidente do Goberno galego traslada a Peña Nieto a invitación formal para que visite Galicia nalgún momento do seu mandato.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, na reunión que mantivo hoxe co titular do Goberno de México, Enrique Peña Nieto.
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, na reunión que mantivo hoxe co titular do Goberno de México, Enrique Peña Nieto.
Listen to this page using ReadSpeaker
México, 15 de abril de 2013.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o titular do Goberno de México, Enrique Peña Nieto, acordaron hoxe reforzar a alianza estratéxica entre PEMEX e Galicia nun encontro no que o titular da Xunta apoiou as conversas entre a petroleira e estaleiros galegos para pechar novos contratos neste semestre. De xeito concreto, trátase de que Galicia siga participando na renovación da flota menor emprendida por PEMEX, que suporá un investimento de 240 millóns de dólares.

Ao final da reunión co presidente mexicano -na que tamén participaron o director de PEMEX, Emilio Lozoya, e o conselleiro de Economía, Francisco Conde-, Feijóo agradeceu a súa “confianza continuada” nun dos principais sectores produtivos de Galicia, como é o naval. Así, recordou que Peña Nieto xa confirmara os compromisos adquiridos na súa visita á Moncloa tras ser elixido presidente e constatou que “ese compromiso ten hoxe continuidade con novos avances e novas concrecións”.

“A reunión serviu para constatar que a alianza estratéxica de Galicia con PEMEX seguirá vixente durante os seis anos que Peña Nieto estea á fronte da Presidencia mexicana”, subliñou Feijóo, e engadiu que ademais a alianza estratéxica firmada con PEMEX, o 24 de maio de 2012, segue ofrecendo novas oportunidades aos estaleiros galegos que suporán máis carga de traballo e, por tanto, máis emprego e riqueza para o sector naval.

Nesta liña, mostrouse satisfeito polo feito de que unha das principais petroleiras do mundo “siga contando con Galicia” para os seus plans de futuro, con novas operacións que se unen á xa firmada por PMI -empresa filial de PEMEX- co estaleiro público Navantia e co estaleiro privado Barreras para a construción de dous floteis. Do mesmo xeito, tamén renovaron a aposta de PEMEX por establecer no Porto Exterior de Punta Langosteira unha das súas principais bases loxísticas en Europa.

Así, resaltou que Peña Nieto non só mostrou o seu firme compromiso cos acordos alcanzados no naval e no sector portuario desde o ano 2012 senón que tamén puxo de manifesto a súa receptividade para que se materialicen novas operacións no futuro. Para o presidente Feijóo isto é moi importante porque supón recoller “novos froitos” da constante colaboración que estaleiros galegos e mexicanos veñen desenvolvendo desde fai tempo, grazas aos encontros que celebraron tanto en Galicia como en México nos últimos meses.

“Galicia é un socio estable para os plans de crecemento da petroleira PEMEX”, destacou o presidente da Xunta, e atribuíu o mérito á capacidade, á experiencia e á profesionalidade do sector naval, que “segue convencendo” con independencia dos cambios directivos producidos na petroleira ou do relevo no Goberno Federal ocorrido nas pasadas eleccións mexicanas. De feito, Feijóo desvelou que PEMEX ten manifestado o seu interese por participar no accionariado de estaleiros galegos. A maiores, ao longo da súa estancia en México, o presidente galego ten constatado que diversas e diversos investidores privados tamén estudan a posibilidade de entrar no capital de empresas do naval galego.

Outras vías de colaboración
Durante o encontro entre Feijóo e Peña Nieto, tamén analizaron a posibilidade de que a cooperación entre ambos os dous países se estenda a outros sectores económicos, entre os que citaron a automoción, o lácteo, o téxtil, o eólico ou as novas tecnoloxías.

Segundo o presidente da Xunta, en todos eles Galicia conta con un liderado histórico que lle permite aspirar a participar nos plans de modernización iniciados polo goberno mexicano. Non en van, o ‘Pacto por México’ posto en marcha por Peña Nieto supón unha inversión anual superior a 40.000 millóns de dólares, dos cales máis da metade teñen que ver con infraestruturas a desenvolver por PEMEX.

Unha das fórmulas máis útiles para lograr o obxectivo é, segundo ambos mandatarios, avanzar na colaboración dos centros tecnolóxicos e dos sectores produtivos para a transferencia de tecnoloxía. Deste modo, poderían xerarse economía de escala do coñecemento que permitan ás empresas de ambos os dous países ser máis competitivas dentro dos mercados internacionais e o desenvolvemento de proxectos innovadores conxuntos.

Invitación a Galicia
Como xa fixera con outros membros do seu goberno e con algúns e algunhas das e dos principais emprendedores de México, Feijóo coincidiu con Peña Nieto en que de cara ao futuro débese afondar “todo o posible” na estreita relación económica que manteñen ambos os dous países. Neste sentido, o presidente da Xunta trasladou a invitación formal a Peña Nieto para que visite Galicia nalgún momento do seu mandato.

Por outra parte, e dentro da axenda de encontros que está a manter no país norteamericano, o titular da Xunta desprazarase mañá, martes, á península de Iucatán, onde visitará as instalacións da Administración Portuaria Integral (A.P.I) de Progreso e manterá unha reunión co Gobernador de dito Estado, Rolando Zapata.

902 lecturas