Feijóo salienta o marcado carácter económico da súa viaxe a Alemaña para incrementar os lazos, amosar as capacidades dos sectores da automoción, portuario e turístico galegos e abrir novas oportunidades
O titular da Xunta rematou a súa estadía no país xermano cunha visita ás instalacións da fábrica de Volkswagen.
“Estamos a falar dunha axenda tamén de recoñecemento á colectividade galega xa que, a través dela, puidemos poñer a disposición do pobo de Hamburgo, os produtos de artesanía e do sector agroalimentario de Galicia”, subliña.
Lembra que o Goberno galego tivo tamén a oportunidade de presentar Galicia -o Camiño de Santiago, o termalismo, a enogastronomía e a industria do mar- ao país xermano, nunha plataforma excepcional: a bordo do buque escola Juan Sebastián Elcano.
Ademais de reunirse con empresariado alemán con intereses en América Latina, o presidente da Xunta visitou o porto de Hamburgo, onde mantivo unha reunión co seu director.
O responsable autonómico finalizou a súa viaxe cunha visita ás instalacións da fábrica de Volkswagen, en Wolfsburgo, onde traballan 66.000 persoas, das cales 10.000 son enxeñeiras no departamento de innovación.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, referiuse esta tarde, como balance da súa viaxe a Alemaña, á axenda de marcado carácter económico, onde Galicia deu a coñecer as súas capacidades nos sectores da automoción, portuario e do turismo co obxectivo de incrementar os lazos e abrir novas oportunidades.
“Estamos a falar, en definitiva, dunha axenda institucional co Land de Hamburgo; dunha axenda claramente económica no sector da automoción, no sector turístico e no sector portuario e, dunha axenda tamén de recoñecemento á colectividade galega xa que, a través dela, puidemos poñer a disposición do pobo de Hamburgo, os produtos de artesanía e do sector agroalimentario de Galicia”, afirmou.
Da xuntanza mantida co presidente de Hamburgo, Olaf Scholz, Feijóo destacou a posibilidade de establecer acordos no eido da FP dual, que inclúan intercambio de estudantes e prácticas en empresas alemás. “A formación é clave para o sector industrial de Alemaña e nos parece que é un excelente socio para poñer en valor a Formación profesional galega”, afirmou.
Así mesmo, lembrou que o Goberno galego tivo tamén a oportunidade de presentar Galicia -o Camiño de Santiago, o termalismo, a enogastronomía e a industria do mar- ao país xermano, nunha plataforma excepcional: a bordo do buque escola Juan Sebastián Elcano. “Presentamos –dixo- a 50 turoperadores alemáns Galicia como destino único, as súas capacidades gastronómicas, turísticas e culturais”, subliñou, co obxectivo de incrementar aínda máis o número de turistas procedentes de Alemaña.
Ademais de reunirse con empresariado alemán con intereses en América Latina, o responsable do Executivo autonómico visitou o porto de Hamburgo, onde mantivo unha reunión co seu director, Wolfgang Hurtienne, co obxectivo de incrementar lazos loxísticos e portuarios entre os portos galegos e o de Hamburgo, o segundo porto máis importante de Europa.
Nesta reunión participaron tamén os presidentes das autoridades portuarias de Ferrol-San Cibrao e de Vigo, co obxectivo de establecer contactos e seguir a traballar co porto de Hamburgo, aproveitando as plataformas portuarias de Galicia.
Feijóo finalizou a súa viaxe á Alemaña cunha visita ás instalacións da fábrica de Volkswagen, en Wolfsburgo, onde traballan 66.000 persoas, das cales 10.000 son enxeñeiras no departamento de innovación.
O titular da Xunta destacou a importancia desta visita para o clúster da automoción de Galicia que, xunto co CTAG e a industria de compoñentes, se desprazou ata Wolfsburgo para visitar a planta.
Nesta mesma liña, referiuse á importancia da visita, proximamente, a Galicia de Francisco García Sanz, membro do comité de dirección do grupo e presidente de Seat, co obxectivo de coñecer as industrias de compoñentes de automóbil galegas e o traballo que están a facer as e os 400 enxeñeiros do CTAG.
![]() Documentación asociada | |
---|---|
![]() | 526.53 KB |
Novas relacionadas