Feijóo destaca os traballos para que a industria de compoñentes galega poida facer pezas para os novos proxectos do grupo Volkswagen e abrir así novas posibilidades ao sector

O titular da Xunta valorou, durante a súa visita ás instalacións da fábrica de Volkswagen, a viaxe que realizará a Galicia Francisco García Sanz, membro do comité de dirección do grupo e presidente de Seat, co obxectivo de coñecer as industrias de compoñentes de automóbil galegas e o CTAG.

“A clave é ver como podemos manter liñas de investigación conxunta co Grupo Volkswagen, concretamente con esta factoría, onde traballan 10.000 enxeñeiros no departamento de innovación; e como podemos ter oportunidades de vender compoñentes do sector da automoción a este gran grupo, terceiro do mundo e primeiro de Europa”, di.

Cualifica a xornada de hoxe de extraordinaria importancia non só para o Goberno galego senón tamén, e sobre todo, para o clúster da automoción de Galicia que, xunto co CTAG e a industria de compoñentes, se desprazou ata Wolfsburgo para visitar a planta da que é unha das grandes fábricas de automóbiles do mundo.

Lembra que o clúster da automoción de Galicia agrupa máis de 100 empresas que dan traballo a 20.000 persoas de forma directa e que supón o 14% do PIB galego; e salienta que o CTAG é un dos cinco centros de investigación do automóbil máis importante de Europa.

O presidente da Xunta de Galicia na súa visita á fábrica de Volkswagen
O presidente da Xunta de Galicia na súa visita á fábrica de Volkswagen
Listen to this page using ReadSpeaker
Wolfsburgo (Alemaña), 24 de xuño de 2014.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe os traballos para que a industria de compoñentes galega poida facer pezas para os novos proxectos do grupo Volkswagen e abrir así novas posibilidades ao sector.

Durante unha visita ás instalacións da fábrica de Volkswagen, onde o titular da Xunta tivo a ocasión de reunirse con Francisco García Sanz, membro do comité de dirección do grupo e presidente de Seat, Feijóo cualificou a xornada de hoxe de extraordinaria importancia non só para o Goberno galego senón tamén, e sobre todo, para o clúster da automoción de Galicia que, xunto co CTAG e a industria de compoñentes, se desprazou ata Wolfsburgo para visitar a planta dunha das grandes fábricas de automóbiles do mundo.

“Non en van, estamos a falar dunha planta onde se fabrican máis de 6.000 vehículos diarios; dun grupo que é o terceiro fabricante do mundo. E a clave é ver como podemos manter liñas de investigación conxunta co grupo Volkswagen, concretamente con esta factoría, onde traballan 10.000 enxeñeiros no departamento de innovación; e como podemos ter oportunidades de vender compoñentes do sector da automoción a este gran grupo, terceiro do mundo e primeiro de Europa”, explicou.

Ao fío disto, Feijóo avanzou que, neste momento, o grupo alemán está a lanzar os novos proxectos de Volkswagen Polo e Seat Ibiza; “e as industrias de compeñentes do automóbil imos poxar para intentar conseguir contratos de compoñentes destes vehículos que se van fabricar na Península Ibérica, entre España e Portugal. Aproveitamos a visita para reiterar que as industrias galegas concursarán nos compoñentes que, neste momento, están xa sometidos a un proceso de licitación e que esperamos, nos próximos 6-9 meses, ter a resolución do grupo; é dicir, coñecer en que industrias van comprar os compoñentes para os novos vehículos que se van a facer”.

Tras a visita ás instalacións, o presidente da Xunta cualificou de “excelente noticia” a visita que Francisco García Sanz realizará a Galicia para visitar as industrias de compoñentes de automóbil galegas e o Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG). “Unha excelente noticia para o sector en xeral, para o sector da innovación, para o CTAG, para o sector de compeñentes, para o clúster e para Galicia para ensinar o noso músculo industrial”, aseverou.

O responsable do Executivo galego lembrou que o clúster da automoción de Galicia agrupa máis de 100 empresas que dan traballo a 20.000 persoas de forma directa e que supón o 14% do PIB galego. E salientou que o CTAG é un dos cinco centros de investigación do automóbil máis importante de Europa. “Estamos a falar dunha industria de compoñentes que está conformada por 102 empresas en Galicia e que están subministrando non só compoñentes a Citroën senón, tamén, ao grupo Volkswagen -tanto a Volkswagen como a Audi e Seat- e a outros grupos”, afirmou.

Feijóo concluíu subliñando que Wolfsburgo é a cidade por excelencia da automoción en Europa, onde só nesta factoría traballan máis de 60.000 persoas, hai máis de 10.000 enxeñeiros que traballan na innovación; “e, espero e desexo -engadiu-, que así como subministramos compoñentes a Citroën, se abra unha nova posibilidade de subministrar compoñentes a este xigante da automoción como é o grupo Volkswagen”.

761 lecturas