Feijóo inicia este domingo unha viaxe institucional a Alemaña co obxectivo de achegar Galicia ao país xermano desde o punto de vista económico, turístico e cultural

O titular da Xunta estará acompañado polo conselleiro de Economía e Industria, pola directora de Turismo de Galicia e polo secretario xeral da Emigración.

Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 21 de xuño de 2014.

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, iniciará mañá domingo, unha viaxe institucional a Alemaña co obxectivo de achegar Galicia ao país xermano desde o punto de vista económico, turístico e cultural.

Durante a súa visita, que se estenderá ata o vindeiro martes, 24 de xuño, o titular da Xunta estará acompañado polo conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, pola directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e polo secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda.

O presidente da Xunta iniciará o domingo a súa axenda de marcado carácter económico, cultural e con diversos actos institucionais clausurando, no porto de Hamburgo, a área expositiva “Galicia, Pórtico Universal”, unha infraestrutura para a promoción exterior da Comunidade e que, en colaboración coas comunidades galegas no exterior, desde o pasado xoves recibiu a milleiros de turistas de cruceiro.

A presenza desta área expositiva sobre Galicia e a súa calidade coincide coa visita ao porto alemán do buque insignia da Armada Española, o Juan Sebastián Elcano, onde o luns o responsable do Goberno galego presidirá o acto de presentación de Turismo de Galicia.

O apartado económico da viaxe estará centrado en sectores como o da automoción, o agroalimentario e o sector portuario. Así, ademais de manter un encontro con empresariado alemán con intereses en América Latina, o presidente da Xunta terá a oportunidade de visitar a fábrica Volkswagen e o porto de Hamburgo, onde se reunirá co seu director, Wolfgang Hurtienne.

Xa, no eido agroalimentario, terá a ocasión de reunirse co presidente do foro de empresas Foodactive.

Por último, Feijóo manterá tamén varias reunións institucionais, entre as que destacan unha xuntanza co alcalde e xefe de Goberno de Hamburgo, Olaf Scholz.

680 lecturas